Conseguen instalar os MOD para PC de GTA 3 nas súas versións móbiles

luns, 2 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Versión modificada do GTA 3 para Android

Unha das características que diferenza tradicionalmente os xogos de PC dos de consolas é a posibilidade de que a comunidade de usuarios poida desenvolver os chamados MOD, que son alteracións do xogo para incorporarlle novos mapas e elementos, revitalizando os títulos durante moitos meses, pero agora sorpréndennos co anuncio de que conseguiron levar este tipo de prácticas ao Grand Theft Auto 3 na súa versión móbil, que parece ser o suficientemente semellante á versión de PC do título como para aceptar os MOD para o mesmo.
No caso da versión para Android a modificación é bastante doada, e chegaría con copiar os ficheiros novos nun cartafol determinado da tarxeta de memoria do dispositivo para así engadir novos coches, renovar as texturas dos edificios e mellorar distintos efectos; a versión para iOS, pola contra, precisa dalgunhas ferramentas, pero curiosamente non precisa de ter un dispositivo con jailbreak para poder gozar da versión modificada do xogo, o que agradecerán os que gusten deste tipo de novidades que melloran a experiencia de xogo e enriquecen este clásico que pese aos seus 10 anos continúa estando vixente grazas a estas revisións para móbiles e tablets.

A versión para iPad de GTA 3 tamén pode gozar de novos vehículos grazas a distintos MOD

PUBLICIDADE