Conseguen cargar novos xogos na SNES mini

luns, 9 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Cando chegou ao mercado a Nintendo Classic Mini, algúns usuarios atrevéronse a destripala virtualmente para ver como funcionaba internamente e así poder ampliar a listaxe de 30 xogos incluídos na mesma, o que conseguiron rapidamente, e dado que a nova versión mini da Super Nintendo ten basicamente o mesmo hardware interno, era cuestión de tempo que pasase o mesmo, e xa temos unha actualización do software da NES mini que pode empregarse na SNES mini para poder cargarlle boa parte dos xogos que saíron no seu día para a consola orixinal.
Coméntase que aproximadamente o 75% dos xogos de Super Nintendo poden funcionar á perfección na SNES mini, de xeito que os máis ousados poden gozar agora dunha versión personalizada da consola, aínda que a modificación da mesma non está carente de riscos, podendo deixar a consola inutilizada, e lembrando en todo momento que estamos ante operacións que vulneran a propiedade intelectual de Nintendo (compañía que continúa a comercializar os xogos de SNES en formato descargable a través de distintas consolas virtuais para as súas máquinas actuais).
En vista da posibilidade de ampliar o número de xogos dispoñibles nas dúas consolas mini de Nintendo de xeito artesanal sorprende que a propia Nintendo non facilitase a ampliación dos xogos integrados mediante a súa compra por separado, o que pode levarnos a entender que non ven estes trebellos como plataformas reais de xogo, senón como pezas de coleccionismo ás que non queren dar soporte a longo prazo.

PUBLICIDADE