Connecting for Good Galicia bota a voar cos seus seis primeiros proxectos de tecnoloxía social

luns, 7 de novembro do 2016 Redacción

JPEG - 315.4 KB
O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia

Os impulsores de Connecting for Good Galicia, a iniciativa da Fundación Vodafone España e AMTEGA para facer da Cidade da Cultura un polo de iniciativas emprendedoras de innovación social dixital (facendo fincapé en proxectos cuxo foco estea na inclusión e nos colectivos de persoas con diversidades funcionais e motrices, amais de persoas maiores), veñen de elixir a medida ducia de propostas emprendedoras da súa primeira edición. Trátase de Insulclock, Robobo, MyKeeper, Phottic, PsicoVR e Xesmar. O xurado desta convocatoria estivo integrado por AMTEGA, GAIN, Vodafone España, o IGAPE, Fundación Vodafone. O seis mellores proxectos foron elixidos entre case medio cento de candidaturas. A media ducia de iniciativas escolmadas poderá tirar o máximo proveito dun completo plan de formación de medio ano de duración, amais dun espazo de seu no complexo do Gaiás.

Impulsores

Connecting for Good Galicia vén da man da Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Obxectivos

O programa ten como finalidade “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) en Galicia”. Desta forma, sinálase, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais “con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020”.

Proxectos premiados

  • Insulclock: Trátase dun dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena de maneira automática toda a información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina. Esta solución, sinalan AMTEGA e Vodafone, “mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos”.
  • Robobo: Robobo é unha ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas por parte do alumnado.
  • MyKeeper: Trátase dun proxecto que integra dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de alzhéimer ou outra demencia: un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
  • Phottic: Phottic é un proxecto de alfabetización de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos achegan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
  • PsicoVR: Consiste nun software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
  • Xesmar: Unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia.

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con “asesoría experta” en cuestións ligadas á comunicación, ás vendas, ao negocio, e á accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.
Cada unha das propostas conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento.
Amais, poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con algún tipo de diversidade funcional ou cognitiva ou motriz que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.
Por outra banda e a maiores de todo o devandito, as iniciativas terán ao seu alcance a posibilidade de obter unha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia. Estes incentivos en concreto estarán a disposición do mellor dos seis proxectos.
Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que “mellor incorporase os principios de accesibilidade universal”.

PUBLICIDADE