Confírmase que Guitar Hero World Tour empregará novos instrumentos

xoves, 22 de maio do 2008 Marcus Fernández

Nos últimos meses falábase de que tras Guitar Hero Aerosmith chegaría o xogo Guitar Hero IV que incorporaría novos instrumentos en resposta a Rock Band, e finalmente Activision confirma o que se viña a falar, pero dando un novo nome ao xogo, que finalmente será Guitar Hero World Tour.
Esta nova entrega da saga incluirá modos en liña e offline, terá unha guitarra redeseñada, unha batería electrónica e un micrófono, permitindo que os xogadores poidan compoñer, gravar, editar e compartir as súas propias cancións. Tamén terá un modo de carreira profesional de banda en liña e un modo Batalla de bandas para 8 xogadores.
Guitar Hero World Tour contará cun amplo repertorio de cancións de grupos coma Van Halen, Linkin Park, The Eagles ou Sublime, e contará con moitas máis cancións locais para descargar nas versións de Xbox 360 e PS3 (lembremos a tímida aposta que se fixera no Guitar Hero III coa canción Avalancha de Héroes del Silencio).
Neversoft Entertainment está xa a traballar na versión do xogo para Xbox 360 e PlayStation 3, mentres que Vicarious Visions traballa na versión para Nintendo Wii e Budcat a correspondente para PlayStation 2.


Primeiro trailer de Guitar Hero World Tour

PUBLICIDADE