Confirman os servizos cos que contará a Xbox One en España

luns, 11 de novembro do 2013 Marcus Fernández

En menos de dúas semanas chegará ás tendas españolas a nova consola de Microsoft, a Xbox One, que non só servirá para gozar de videoxogos de alta definición cun maior realismo e unha grande complexidade, senón que suporá a evolución e maduración de moitos dos servizos audiovisuais e outras aplicacións que nos últimos anos puidemos ver na Xbox 360, e para que o público vaia sendo consciente deste grande potencial, veñen de publicar un vídeo de 12 minutos no que demostran o que achegará a Xbox One.
A nova consola contará con control por voz, permitirá facer videoconferencias en alta definición a través de Skype, permitirá gozar de prestacións multi-tarefa que permitirán pór en pausa un xogo para facer calquera outras das funcionalidades que ofrece a consola de xeito instantáneo, recoñecerá aos usuarios para identificalos con só pórse fronte a consola, contará con funcións destinadas ao seguimento de transmisións televisivas en vivo, empregar tablets e smartphones para potenciar as súas funcións e incluso gravar os mellores momentos das nosas partidas para poder compartilos co mundo.
Pero fóra do ámbito dos xogos, as distintas aplicacións mudan segundo o territorio no que se comercialice a consola, permanecendo como aplicacións comúns os servizos Xbox Video, Xbox Music, Xbox Fitness, Internet Explorer, Skype, SkyDrive e Upload, mentres que do resto de aplicacións de lecer electrónico en España as que están confirmadas son Eurosport, Gol Televisión, Machinima, MUZU TV, RTVE, TED, Twitch, Wuaki.tv e Zattoo (que nalgún caso poden precisar do pagamento de contas para acceder a eses servizos dende a consola).


Vídeo no que se deixa ver a Xbox One en acción durante 12 minutos

PUBLICIDADE