Confirman o lanzamento de DJ Hero

xoves, 7 de maio do 2009 Marcus Fernández

Activision e Red Octane queren revolucionar o mercado dos videoxogos seguindo os pasos de Guitar Hero, e aparte de preparar o Guitar Hero 5 e o Band Hero para o outono, tamén confirman o lanzamento de DJ Hero, que permitirá converter aos xogadores en auténticos pincha discos para facer mesturas empregando un novo periférico do que xa hai imaxes, e que ten unha aparencia estupenda. O xogo introducirá xéneros coma o hip-hop, a música de baile, R&B, Motown e música electrónica.
Pola súa contra, o Guitar Hero 5 volve a apostar polo rock, combinando temas de grupos actuais cos de grandes lendas, permitindo moita liberdade no xogo (o usuario poderá abandonar os temas cando queira, cambiar os membros da súa banda, os instrumentos e o nivel de dificultade sobre a marcha).
Finalmente o Band Hero será un xogo para varios instrumentos (guitarra, baixo, batería e micrófono) que fuxirá do rock para apostar por temas da música pop do momento, o que entendemos que é unha xogada para atraer a un tipo de público que normalmente aposta por xogos musicais distintos coma Lips ou SingStar.

PUBLICIDADE