Confirman o cesamento da fabricación da PS2

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Tras saberse que Sony deixaba de distribuír unidades da súa xa clásica PlayStation 2 no Xapón, dende The Guardian confirman que Sony cesou a produción da súa vella consola a nivel mundial, de xeito que tras máis de 12 anos a PS2 camiña cara á súa fin tras vender máis de 155 millóns de unidades a nivel mundial, grazas a que conseguiu converterse practicamente nunha consola sen rival no seu día no que a Play era sinónimo de consola de videoxogos doméstica, éxito que non poderá repetir coa presente xeración, pois aínda se superaron hai pouco os 70 millóns de PlayStation 3 vendidas, cando é de agardar que este mesmo ano vexa a luz a que podería ser a PlayStation 4.
É innegable que a marca PlayStation xa non pesa tanto como nos anos dourados da PS2, pois actualmente a Xbox 360 de Microsoft conseguiu eclipsar á consola de Sony en moitos mercados (como o norteamericano) e no eido portátil non só a Nintendo 3DS ten un parque de consolas máis de 6 veces superior que o de PS Vita, senón que Android e iOS están a ocupar unha boa parte do mercado dos videoxogos en mobilidade, con moitos máis dispositivos no mercado e modelos de negocio máis atractivos para o usuario final (especialmente no que a prezos se refire).

PUBLICIDADE