Confirman a listaxe de xogos que terá Stadia até o remate do ano

luns, 11 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A plataforma de videoxogos na nube de Google está na súa recta final de cara ao seu lanzamento, que será o vindeiro día 19 para un reducido grupo de usuarios de pagamento que irán ampliando até unha apertura total en 2020 cando será posible xogar sen pagar mensualidades.
En previsión da expectación creada dende Google están a adiantar detalles sobre Stadia, como un dos elementos máis importantes para o seu éxito: o catálogo de xogos. Así veñen de confirmar que de lanzamento contarán con 12 xogos aos que sumaranse 14 máis antes de rematar o ano, sendo esta selección bastante coidada, para sumar tanto calidade como variedade de xéneros, buscando así non deixar perfís de usuario fóra á hora de probar esta plataforma que quere converterse no grande referente de futuro no sector dos videoxogos, aínda que terá que demostrar a súa solvencia especialmente no que se refire á latencia, elemento chave á hora de achegar unha boa experiencia de xogo.
Aparte de Destiny 2, xogo que recibirán sen custo adicional os subscritores de Stadia Pro, o 19 de novembro estarán dispoñible sen Stadia os seguintes xogos: Assassin’s Creed Odyssey, GYLT, Just Dance 2020, Kine, Mortal Kombat 11, Red Dead Redemption 2, Thumper, Samurai Shodown e a última triloxía de Tomb Raider.
Antes de rematar o ano tamén chegarán a Stadia os seguinte xogos: Attack on Titan 2: Final Battle, Borderlands 3, Darsiders Genesis, Dragon Ball Xenoverse 2, Farming Simulator 19, Final Fantasy XV, Football Manager 2020, Ghost Recon Breakpoint, GRID, Metro Exodus, NBA 2K20, RAGE 2, Trials Rising e Wolfenstein: Youngblood.
Outros xogos que están confirmados que contarán con versión para Stadia son Doom: Eternal, WatchDogs: Legion, Gods & Monsters e o agardadísimo Cyberpunk 2077, que ao seren novos lanzamentos poderían ser grandes tractores de usuarios que, no caso de non contar cun equipo de última xeración, poderían optar por Stadia como plataforma para gozar do último en chegar ao mercado.

JPEG - 160.8 KB
Attack on Titan 2: Final Battle será un dos xogos que recibirá Stadia antes de rematar o ano

PUBLICIDADE