Confirman a aparición de novos personaxes en Mortal Kombat vs DC Universe

mércores, 20 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Hal Jordan empregando o poder do seu anel de Green Lantern para derrotar aos seus inimigos

Tras todo un goteo de informacións, finalmente se sabe cales son os personaxes que se enfrontarán en combate no agardado Mortal Kombat vs DC Universe que sairá para Xbox 360 e PS3 en novembro, xa que durante a Games Convention de Leipzig anunciaron que Wonder Woman, Deathstroke, Raiden e Kano serían os loitadores que completarían ata o momento a listaxe de personaxes que se baterán no xogo de Midway.
Ademais, tamén se deixaron ver imaxes de combates nos que Green Lantern e Joker (personaxes anunciados durante a Comic-Con de San Diego) que enfrontaban a personaxes de Mortal Kombat.
Recapitulando temos que os loitadores confirmados para o xogo serían Batman, Superman, Flash, Catwoman, o Capitán Marvel (Shazam), Joker, Green Lantern, Wonder Woman e Deathstroke pola parte de DC e Scorpion, Sub-Zero, Sonya Blade, Liu Kang, Shang Tsung, Kitana, Jax, Kano e Raiden no bando de Mortal Kombat.

Joker recibindo unha paliza de Sub-Zero

Queda por saberse se haberá máis personaxes no xogo, posto que xa se fala de 18 cando se agardaba que só fosen 16, polo que poderiamos ter sorpresas de cara ao lanzamento do xogo no que colisionan estas dúas grandes franquicias.

PUBLICIDADE