Confíase en que o cargador AirPower saía á venda en setembro

xoves, 21 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Xunto ao anuncio dos últimos iPhone con carga sen fíos en setembro do ano pasado, Apple presentou unha base de carga sen fíos chamada AirPower, que debería ter chegado ao mercado hai bastantes meses, xa que era un dos grandes atractivos da incorporación desta tecnoloxía de carga, de xeito que cada vez que a compañía da mazá presentaba algo nos últimos meses sempre había a esperanza de que por fin puxese data de lanzamento ao esperado produto.
Actualmente seguimos á espera de saber cando se porá á venda o accesorio que permitirá cargar até 3 dispositivos á vez mediante carga indutiva, pero Mark Gurman detalla para Bloomberg que en Apple están a ter moitos problemas co deseño do dispositivo para evitar que se quente de máis, á vez que tamén presenta unha grande complexidade na súa circuitería, de aí que que até o momento para cargar sen fíos os produtos de Apple haxa que empregar dispositivos de carga doutras compañías, que son moito menos sofisticados do que será o AirPower, xa que contará cun chip que correrá unha versión reducida de iOS para poder comunicarse cos dispositivos durante a súa carga.
Pero Gurman vai máis aló e menciona que o cargador sería fabricado por Pegatron e, aínda que continúa a non haber unha data concreta para a súa comercialización, confían en que saia á venda en setembro a máis tardar, ou sexa, que chegaría a tempo para o lanzamento dos vindeiros iPhone.
Estamos ante un caso máis no que Apple ten problemas para colocar no mercado un novo produto, lembrando moito ao acontecido cos AirPods, auriculares sen fíos que tiñan que ter saído á venda en outubro de 2016 e que finalmente chegaron a mediados de decembro nunhas cantidades tan limitadas que a meirande parte dos interesados en adquirilos tiveron que agardar meses para poder facerse con uns, no que na práctica supuxo perder a previsiblemente forte campaña de Nadal.

PUBLICIDADE