Conexiona sitúa un colexio de Madrid na vangarda dos centros docentes smart europeos

luns, 5 de decembro do 2016 Redacción

A nosa tecnoloxía segue a estender múltiples ramificacións alén do ámbito galego: no empresarial, no institucional, no social, no sanitario e no educativo. Precisamente no eido docente é onde a firma galega Conexiona vén de acadar un fito importante na súa traxectoria. En termos máis concretos, foi quen de rematar a inmotización (domótica para inmóbeis de envergadura) do Colexio San Pedro Apóstolo de Madrid. Isto, como veremos, implica para comezar dúas cousas fundamentais: que o dito centro escolar xa pode ser cualificado como centro escolar smart por dereito propio, e que, en palabras de Conexiona, sería o primeiro do ámbito estatal en acadar a domotización integral de todos os seus elementos e infraestruturas.
Segundo nos conta a firma en cuestión dende a súa sede Ourense (Tecnópole), o dito colexio é a día de hoxe “o centro escolar máis eficiente e intelixente de España grazas á automatización de todas as súas instalacións, desde o alumeado até a climatización, pasando polas piscinas, as caldeiras, as augas residuais, o equipamento das cociñas e os sistemas de incendios, seguridade e vídeo-vixilancia”.
Conexiona levou a cabo este proxecto botando man da tecnoloxía iPlace, un sistema de seu desenvolvido totalmente nas súas instalacións da Tecnópole e destinado a permitir o automatizado e o seguimento continuo e en tempo real de todos os dispositivos eléctricos e electrónicos dun inmóbel, sexa cal sexa o seu tamaño e características. O resultado da aplicación do devandito sistema ao centro escolar madrileño foi, para comezar, a consecución dunha ampla marxe de sustentabilidade. Así nolo explica José Antonio Losas, director de TI de Conexiona: “Ademais de permitir un elevadísimo grao de eficiencia enerxética, comprobamos no colexio que o sistema facilita enormemente os labores de mantemento ao estar todos os dispositivos en seguimento e control de xeito continuado, o que supón un aforro moi considerábel”.
Segundo explican dende a firma galega, o colexio (en activo dende 2014) investiu máis de 2,5 millóns de euros neste sistema, coa expectativa “de amortizalos en pouco tempo cos diversos aforros que se derivan da súa posta en marcha”. O centro está situado en Barajas, onde, segundo engade Conexiona, dáse unha elevada oscilación térmica entre estacións (invernos moi fríos e veráns moi cálidos) e mesmo entre as diferentes horas do día. Isto, explica, fai precisa “a incorporación de sistemas de climatización moi eficientes”. A tecnoloxía iPlace, neste senso, posibilita controlar e regular a temperatura en cada estancia de xeito independente.
Á marxe da eficiencia enerxética, integrouse no sistema o control de accesos ao colexio. “Coa incorporación do vídeo-porteiro en iPlace”, engade Conexiona, “todo o persoal do edificio pode operar a porta, mediante a interface web ou a aplicación móbil, accesíbel tanto desde iOS como Android”. A isto cómpre engadir a posibilidade de optimizar o acceso mediante dispositivos de radiofrecuencia para aumentar a seguridade.
O sistema ocúpase tamén da xestión da piscina e das augas residuais, todo desde a mesma plataforma que as utilidades relativas á enerxía e ao control de accesos. “Este detalle de integración simplifica os procesos e permite activar un plan de mantemento preventivo, supoñendo un aforro de custos a maiores”, conclúe a empresa galega.

PUBLICIDADE