Conexión Segura de Movistar bloqueou máis de 270 millóns de ameazas no último ano

martes, 4 de abril do 2023 S. P.

Movistar fixo balance da actividade recente do seu servizo Conexión Segura, ofrecido sen custo aos clientes da operadora para protexer en tempo real a súa navegación por Internet fronte a potenciais ameazas fraudulentas. Segundo fixo sabe a compañía, o dito servizo foi quen de filtrar un total de 270 millóns de ameazas no último ano (de marzo 2022 a marzo 2023). Ademais, Conexión Segura evitou que máis dun 50% dos seus usuarios accedesen mensualmente a sitios identificados como maliciosos.
Por outra banda e poñendo o foco na actividade desenvolvida en marzo, Movistar engade que “de forma automática e transparente para o usuario”, este servizo bloqueou a navegación en máis de 250.000 dispositivos (256.682) no último mes cando tentaban acceder a páxinas con malware ou phishing (método para tentar recompilar información persoal utilizando correos electrónicos e sitios web enganosos).
Conexión Segura, que conta na actualidade con 1,2 millóns de liñas activas fixas e móbiles, beneficia sen custo ao cliente e protéxeo do crecente número de casos fraudulentos ou enganosos cun reforzo adicional da robusta seguridade da rede Movistar.
O servizo, que se activa en liña desde as aplicacións Smart WiFi e Living App Smart WiFi, dende Tendas Movistar ou dende o 1004, non require de instalación nos dispositivos e ofrece seguridade tanto dentro como fóra do fogar ao estar dispoñibles tamén para as liñas móbiles.
Conexión Segura alerta dos sitios web sospeitosos e con potencial de risco sen que o usuario teña que facer nada. En caso de detectar unha ameaza que poida afectar o dispositivo ao alterar o seu funcionamento ou poñer en risco a privacidade, o cliente recibe información da mesma vía SMS.