Coñécense máis detalles dos GPS de Blusens
mércores, 10 de outubro do 2007
- O Blusens G.01 é pioneiro no GPS con imaxes reais
Nos últimos días o anuncio de Blusens de incorporar
ó seu catálogo un dispositivo que combinaba a reprodución multimedia coa
localización GPS con imaxe real resultou moi rechamante, e finalmente puidemos
coñecer a súa aparencia externa e as súas característica detalladas.
Coñecemos así que o Blusens
G.01 conta cunha pantalla táctil de 4,3 polgadas, un disco interno de 30 Gb
e conectividade Bluetooth. Mide 145 x 80 x 23 mm e pesa 280 gramos. Aparte tamén
inclúe lector de tarxetas SD/MMC, saída para auriculares e entrada para unha
antena GPS externa, e se venderá a finais de novembro a 499 euros.
- O Blusens G.02 podería tomar o relevo do G.01 en 2008
Este novo dispositivo empregará
as revolucionarias imaxes de Pictometry desenvolvidas en colaboración coa
compañía Blom, que son as que achegan un xeito diferente de ver os lugares
por onde nos movemos, indo máis aló dos sinxelos mapas gráficos e superando
incluso a moitas fotografías de satélite.
Pero o G.01 non é a única novidade que nos achegou o catálogo 2008 de Blusens,
senón que tamén adiantou o que sería o seu segundo navegador GPS con imaxe
real, o
Blusens G.02, que amosa un tamaño máis reducido que o seu predecesor, un
deseño máis eficaz sen botóns na parte dianteira, un disco duro de 40 Gb e información
sobre tráfico e situacións de radares fixos.
Tamén conserva a pantalla táctil panorámica de 4,3 polgadas, e no tocante á
reprodución multimedia, aparte de soportar ficheiros MP3, Ogg Vorbis e WMA (así
como vídeo MPEG4) unha funcionalidade que algúns agradecerán é que soporta
Bluetooth 2.0 con A2DP. Queda por saber agora a data de lanzamento desta novo
produto, así como o seu prezo de venda, aínda que é de agardar que non chegue
ata primeiros ou mediados de 2008.