Blusens nega infrinxir os dereitos de propiedade intelectual de Televés

mércores, 17 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Europa Press deu conta hoxe dunha sentenza do Xulgado Mercantil nº 1 da Coruña que condena a Blusens a cesar a elaboración e distribución dun catálogo por entender que “infrinxe os dereitos de propiedade intelectual de Televés” entendéndose que existe unha actuación “desleal” por parte do fundador da compañía compostelá, Miguel Silva Constenla, “ao existir unha apropiación das realizacións de outro”. O fallo ordena a retirada do catálogo da web e o cesamento da súa distribución, así como ao pagamento dunha indemnización de 123 euros.
Dende Blusens quixeron matizar e completar a información detallando que o catálogo do que fala a sentenza editouse puntualmente en 2009, é de produtos de electrónica profesional que comercializa exclusivamente a filial de Blusens en Oriente Medio e que as coincidencias denunciadas limítanse a uns esquemas e debuxos sobre o funcionamento dun produto de electrónica profesional, non correspondendo á liña de produtos de electrónica de consumo polos que é popular Blusens.

Nos últimos anos Blusens conseguiu grande visibilidade grazas aos seus patrocinios deportivos

PUBLICIDADE