Conde visita a sede coruñesa de Imatia e salienta o seu empuxe innovador

martes, 18 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

As sede coruñesa da empresa tecnolóxica Imatia, firma referente en desenvolvemento web e iniciativas de optimización dixital para empresas e administracións, recibiu este martes 18 a visita do conselleiro de Economía e Emprego, Francisco Conde. Durante a súa estadía nas instalacións de Imatia, o conselleiro interesouse pola participación de Imatia no Polo Aeroespacial de Galicia, ao abeiro do proxecto MAR-1, no que Imatia achega a súa experiencia TIC para mellorar a seguridade da frota pesqueira cun sistema de seguimento e monitoraxe continua que integra unha plataforma de software.
Segundo o conselleiro, o labor de Imatia “reflicte como os mercados esixen respostas innovadoras”; de aí “a importancia de dotar o tecido empresarial das ferramentas necesarias parta avanzar na súa transformación dixital”. Tamén salientou o carácter referencial da firma no sector das industrias galegas dixitais (Imatia forma parte do Clúster TIC Galicia e ten ás súas costas 15 anos de andaina desenvolvendo produtos e servizos avanzados de software; ademais é unha das firmas implicadas en achegar impulso á Cidade das TIC da Coruña, o futuro centro empresarial que terá a súa sede na antiga Fábrica de Armas, hoxe en día en desuso).
O proxecto MAR-1
Liderado por Imatia, en MAR-1 están a participar empresas de diferentes sectores innovadores, achegando, en colaboración coa Consellería do Mar, 29 empregos vinculados. “Este proxecto”, dixo Conde, “está a ser un exemplo de colaboración público-privada que permite a Galicia ser un referente nacional e internacional no sector dos avións non tripulados”.

PUBLICIDADE