Conclúe na Coruña a xornada de negocios e novas oportunidades na Rede

venres, 28 de maio do 2010 Raquel Noya

Máis de 100 persoas procedentes do sector das novas tecnoloxías, dos negocios on-line, do marketing, das estratexías en liña e da innovación TIC, entre outras disciplinas, participaron no día de hoxe na xornada B-web, un evento que tivo lugar na Coruña e no que os asistentes comprobaron de primeira man as vantaxes das ferramentas 2.0 para o posicionamento das súas empresas na Rede.
B-web reuniu a expertos de “primeira liña” en materia de relacións empresariais a través da Rede como Enrique Dans, Rubén Bastón, Nico Castro ou Daniel Seijo, que lle achegaron ás persoas asistentes a súa visión das redes sociais, das weblogs, do posicionamento web, etc, que por certo, aseguraron, “están a mudar os modelos de negocio”.
A xornada dou comezo ás 9 da mañá da man do profesor de Sistemas de Información IE Business School, Enrique Dans, para dar paso ao relatorio posterior de Rubén Bastón, o responsable de Social Media en Elogia Media, que falou sobre o uso e instrumentación das redes sociais nas empresas.
Outros importantes relatores como Nicolás Castro, Daniel Seijo ou José Manuel Alarcón, director de Krasis, achegaron as claves para triunfar en Internet cunha web funcional e atractiva, así como os desafíos e oportunidades que ofrece este medio de comunicación en alza á hora de dar a coñecer os nosos negocios.
Na xornada da tarde, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de participar nunha mesa de e-emprendedores, na que, entre outras cousas, aprenderon a crear unha empresa a partir dunha rede social e a aproveitar estas ferramentas para atopar clientes.
En total, foron 12 os profesionais do sector que analizaron as últimas estratexias de marketing que se están a levar a cabo en Internet, o “último” en técnicas comerciais en liña e o bo uso da redes sociais nas empresas, entre outros temas de actualidade.

PUBLICIDADE