ConCiencia e Manuel González, presidente de PuntoGal, Premios da Cultura Galega 2022

xoves, 6 de outubro do 2022 S. P.

Manuel González, profesor emérito da USC e presidente de PuntoGal, e o programa ConCiencia de divulgación científica veñen de ser distinguidos no marco dos Premios da Cultura Galega 2022. Con estes galardóns, a Xunta distingue un ano máis “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”. Tamén obtiveron o dito recoñecemento nesta edición Marica Campo, María Victoria Carballo-Calero, Melania Cruz, o programa Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso e Xacarandaina.
Manuel González
Investigador adscrito ao Instituto da Lingua Galega (ILG), a actividade de Manuel González, premiado na modalidade de lingua, céntrase nos ámbitos da xeografía lingüística, lexicografía, terminoloxía, sociolingüística, norma, así como fonética e tecnoloxías da fala. Membro numerario da Real Academia Galega dende febreiro de 1992, foi secretario e tesoureiro desta institución, entre outras responsabilidades. Este profesor da USC é coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, centro dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Director de Cadernos de lingua, González é membro do consello científico dunha vintena de revistas lingüísticas de diversos países dos ámbitos da súa investigación. Tamén é presidente de PuntoGal, a asociación que fixo posíbel a consecución do dominio galego e promove a presenza da nosa lingua e da nosa cultura nos ámbitos tecnolóxicos máis avanzados. É director de Termigal dende 1996. Termigal é organismo encargado da coordinación xeral das actividades terminolóxicas relativas á lingua galega, de promover e levar a cabo a elaboración de recursos terminolóxicos, de garantir a súa dispoñibilidade, e de promover o desenvolvemento de produtos de enxeñaría lingüística en que a terminoloxía teña unha especial incidencia.
Programa ConCiencia
Entre os anos 2006 e 2022, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a USC desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Os Premios da Cultura Galega acaban de recoñecer esta iniciativa, dirixida polo profesor Jorge Mira, na modalidade de proxección exterior. Ademais dos premios Nobel, no marco do programa ConCiencia, teñen visitado a USC persoas galardoadas coa Medalla Fields outorgada pola Unión Matemática Internacional; o premio Abel, considerado como o Nobel das Matemáticas; e o premio Turing concedido no eido das Ciencias da Computación. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.

PUBLICIDADE