Comunicación da UVigo activa un repositorio con vídeos contra a desinformación feitos polo alumnado
xoves, 16 de xaneiro do 2025
A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra, a través do profesor de Comunicación Alberto Dafonte e do seu alumnado, lanzou un repositorio que compila os vídeos contra a desinformación elaborados polos estudantes.
Esta iniciativa abéirase ao proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) no que o alumnado deste centro elabora unha serie de vídeos divulgativos dirixidos a informar dos efectos das fake news nas redes e das ferramentas existentes para combatela.
Co obxectivo de facilitar o acceso a esta serie de contidos, esta iniciativa vese complementada pola posta en marcha dun repositorio dixital que reúne os vídeos realizados nas últimas edicións desta actividade, na que o alumnado conta coa colaboración da ONG Ecos de Sur, que lles achega asesoramento e formación complementaria.
O obxectivo desta iniciativa, enmarcada nas actividades do grupo de innovación docente Dixitais, é permitir que a cidadanía “poida ter acceso, dunha maneira máis ordenada e organizada” a uns “traballos que poden ser moi útiles”, apunta Dafonte, engadindo que a materialización deste repositorio permite coñecer os vídeos realizados e publicados en diferentes redes sociais nas últimas semanas por 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, na sexta edición do proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática.
Neste labor, as e os estudantes contan co asesoramento de Ecos do Sur, unha ONG que centra o seu labor na loita contra as desigualdades e que desde 2016 traballa na prevención de desinformación e o discurso de odio en Internet a través da súa liña CibeRespect. Con esa idea, representantes desta organización ofreceron unha serie de sesións formativas complementarias aos sete grupos de estudantes que participaron no presente curso nesta iniciativa. Esta deu como resultado final unha serie de vídeos que, como abordan Dafonte, abordan aspectos como os diferentes tipos de desinformación existentes, máis aló das fake news, cunha “linguaxe moi propia das redes sociais”, polo que poden resultar acaídas para achegar estas cuestións “a un público máis novo”. No seu conxunto, os vídeos realizados suman preto de 68.000 reproducións en redes sociais, cunha media de 11.000 visualizacións por canle, apunta Dafonte, que destaca a calidade dos traballos realizados.