Computador con pedras de Svarovski para as nais que visten o chándal con tacóns

martes, 10 de abril do 2007 Raquel Noya

A menos dun mes para que teñamos que esmagar os miolos coa teima de atopar un agasallo ideal para as nosas nais polo (estúpido e consumista) Día da Nai, a compañía Medion fainos (supostamente) un favor adiantándonos o que propón como “regalo perfecto” para a devandita xornada: un ordenador portátil SIM2080 Swarovski de edición limitada que (segundo afirman) “foi deseñado coidando ó máximo tódolos detalles de estilo”.
Nada de moedeiros, panos, perfumes ou flores, hoxe en día as nais máis modernas gustan das novas tecnoloxías polo que este portátil con procesador Intel Yonah DC T2450, cunha velocidade de 2.0 Ghz e máis de 1 GB de memoria RAM, que inclúe ademais unha tarxeta gráfica Intel Graphics Media Accelerator 950 e pantalla TFT de 12 polgadas é sen dúbida a mellor opción para “aquelas mulleres que buscan altas prestacións tecnolóxicas sen renuncia ó deseño”.
Por un módico prezo de 899 euros, o novo Medion Swaroski tamén ofrece gran capacidade de almacenamento e funcionalidade grazas ós seus 120 GB de disco duro, gravadora de DVD, lector de distintas tarxetas e 3 portos USB que achegan a máxima conectividade. Ademais, como en todo bo equipo, neste non podía faltar o sistema operativo Windows Vista Premium, que vén acompañado do software de gravación Nero Burning ROM e un antivirus de 90 días de duración.
O único (e coido que importante) fallo que lle vemos (e que salta á vista) son os 300 cristais de Swarovski que o ordenador ten inseridos na súa carcasa, formando un motivo floral de deseño exclusivo para Medion. Ou sexa: nada que non se poida tapar cunha práctica funda (ou a falta disto, cun saco de penso para cans ou cunha bolsa do lixo opaca). Un detalle sen importancia que as nais intelixentes e que nos queren non nos terán en conta á hora de facer o reparto da herdanza.

PUBLICIDADE