Compostweets pechou con éxito de asistencia e participación

luns, 28 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

JPEG - 106 KB
Alfonso Freire, Carmen Pardo e Beatriz González inauguraron o Compostweets 2011

O pasado sábado celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela a primeira edición de Compostweets, que nace coma un encontro anual de social media en Galicia, e que contou cuns 280 asistentes entre profesionais e interesados no fenómeno das redes sociais.
A inauguración da xornada correu a cargo de Alfonso Freire, responsable de Lúdica 7 e principal promotor do evento, Carmen Pardo, secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, e Beatriz González, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Freire comentou que esta cita ten coma finalidade dar a coñecer o uso das redes sociais para empresas e institucións públicas, incidindo especialmente na necesidade de estratexias en liña profesionais e coherentes; mentres que Pardo destacou a «extraordinaria capacidade de mobilización das redes sociais» e centrou a súa intervención na aplicación destas novas canles de comunicación no sector turístico.

JPEG - 86.6 KB
Rubén Bastón analizou as vantanxes e inconvenientes das empresas nas redes sociais

Así, a secretaria xeral de Turismo asegurou que «a comunidade galega foi pioneira en crear unha canle social media para un Contact Center Turístico e converter os seus axentes en community managers» e anunciou que o vindeiro mes porase en marcha a nova páxina web de Turgalicia, que contará coas características da renovada marca de Turismo de Galicia e incluirá adaptacións á web social.
Tras o acto de inauguración, o director de social media de Elogia, Rubén Bastón, impartiu unha clase maxistral sobre a presenza das empresas nas redes sociais, ilustrando o tema con 6 vantaxes e 6 inconvenientes (estes últimos, corrixibles) nunha presentación que está dispoñible para a súa visualización a través de SlideShare:


O relatorio de Rubén Bastón resultou ser o contido da xornada que máis interesou á meirande parte da audiencia, por centrase máis no ámbito profesional das redes sociais, pois aparte de profesionais do sector, tamén había no auditorio moitos aspirantes a entrar no negocio, de xeito que as palabras de Bastón eran recibidas con moita atención.

JPEG - 121.5 KB
A xornada contou cunha alta participación do público asistente

Quedou patente que as redes sociais achegan máis vantaxes que inconvenientes, pero tamén é preciso desbotar o mito de que a presenza nestas plataformas é de balde, pois hai que dedicar recursos a atender ao público, podendo empregarse as redes sociais tanto como mecanismos de promoción de marca como servizos de atención ao cliente con certa compoñente social. Poderiamos resumir a intervención inicial de Bastón coa frase de que «estar sen saber estar é o único fake de social media».
Á intervención de Bastón seguiu un coloquio moderado por Alberto Seoane, no que Pablo Iglesias (Krasis), María Encinar (Iniciador Galicia) e Javier Wicho Pedreira (Microsiervos) pretendían relatar os seus casos de aplicación de Twitter, achegando distintas perspectivas sobre a mesma ferramenta, ilustrando dese xeito sobre a súa versatilidade, aínda que a participación do público, que puido interpelar aos polemistas dende o primeiro momento levaron a discusión cara ao ámbito da empresa, deturpando o espírito da mesa redonda e provocando a volta a escena de Rubén Bastón, que seguiu a contribuír cos seus comentarios a alimentar as inquedanzas que xurdían do auditorio. Xa pola tarde, Carlos Toural (Novos Medios da USC) moderou unha mesa redonda na que facíase un achegamento aos casos reais de medios de comunicación e institucións na súa adaptación ás novas estratexias dixitais, comezando por insistir no feito de que a web social mudou radicalmente a relación entre os medios de comunicación e os usuarios, converténdose estes últimos no prazo da balanza con máis peso, de aí que hai que adaptarse ao novo paradigma, algo ao que os medios tradicionais están a amosar moita resistencia, coma se veu nas posteriores intervencións por parte de representantes dos distintos medios.
Os grupos de comunicación galegos presentes na mesa foron a Corporación Voz de Galicia, o Grupo Correo Gallego e Mediasiete, e foron respectivamente Francesc Pumarola, Juan Martínez e Rebeca Munín os encargados de pórlles voz e cara, para explicar as súas distintas estratexias de cara á web social. Francesc Pumarola comezou comentando que en La Voz de Galicia veñen de nomear a alguén da casa coma Community Manager, labor que ata o momento asumían outros profesionais do grupo sen unha atribución concreta, pero que ao contar cun profesional dedicado expresamente a tal tarefa (Nacho de la Fuente) están a conseguir unha mellor resposta do público, coma queda evidente no crecemento que os seus medios están a ter nas distintas plataformas de redes sociais. Tamén explicou que tanto o xornal La Voz de Galicia coma RadioVoz están a aproveitar de distintos xeitos a web social na súa actividade diaria, mentres que a nova canle V Televisión integrouse en todo este movemento tecnolóxico-social dende o seu nacemento, de xeito que os espectadores puideron ver dende o casting ata a montaxe dos platós a través de Facebook antes da mesma estrea da canle, contribuíndo á fidelización da audiencia, que vai sentíndose parte do medio co que existe unha comunicación de proximidade.
Pumarola tamén comentou o erro cometido ao informar sobre a creación de Pervi.es, o que ocasionou unha crise provocada polo feito de que agora o público ten canles para amosar o seu rexeitamento a unha información, o que noutros tempos podería chegar como moito a unha Carta ao Director, e que agora pode provocar un enorme rebumbio en Twitter, Forocoches.com e outras plataformas ao que cómpre responder dalgún xeito. Todo un exemplo de autocrítica.
Entre as declaracións de Pumarola podemos destacar que asegurou que os seus medios non teñen unha estratexia en redes sociais fixa, senón que van adaptándose ao comportamento dos seus lectores. Tamén asegurou que nos seus medios reciben máis visitas de Facebook que de Twitter (aínda que consideran que Twitter é unha mellor ferramenta para relacionarse cos blogueiros) e engadiu que «Tuenti é o grande bluf do momento. Telefónica pagou 70 millóns por unha rede que os mozos abandonas por Facebook», co que coincidiu boa parte do auditorio (e que podería fiarse con comentarios sobre o fracaso de Keteke que fixera Rubén Bastón pola mañá).
Menos optimista foi a intervención de Juan Martínez, responsable de medios dixitais do Grupo Correo Gallego, que comezou comentando que carecían de Community Manager por non contar de recursos suficientes no seu departamento, por estar os xornais aínda centrados nas súas edicións en papel porque son as que teñen o maior retorno de investimento, á vez que destacou que as plataformas de redes sociais aínda eran pouco importantes á hora de achegar visitas ás súas páxinas web, polo que resultaba difícil xustificar o investimento en tal área. Concretou que só o 4,33% dos lectores de El Correo Gallego chegan á súa páxina web a través de Facebook, aínda que resulta rechamante o feito de que Galicia Hoxe mellore tal porcentaxe ata o 14,20%, o que podería dar a entender que o peso das redes sociais depende moito do perfil de usuario de cada páxina web.
Martínez chegou a asegurar que a súa falta de recursos é o que provoca que non comuniquen a través de Twitter (a súa conta limítase a funcionar coma un agregador de novas do seu xornal dixital), polo que a súa exposición foi principalmente un exemplo do que podemos atopar na meirande parte dos medios de comunicación galegos, que aínda non conectaron co público a través da web social.
Rebeca Munín, de Mediasiete (editora do xornal Santiago 7), destacou a importancia que está a xogar Facebook para relacionarse cos seus lectores, aínda que admite que cometeron o erro de iniciarse en tal plataforma creando un perfil de usuario, en vez dunha páxina (que é o que corresponde a entidades que non sexan persoas físicas), o que tiveron que arranxar creando unha páxina de Fans de Santiagosiete. Pese aos erros cometidos e aos poucos recursos, dende Santiago 7 buscan converter aos seus xornalistas en auténticos Community Managers, o que chegou a indignar a algúns dos presentes, que consideraban un abuso as esixencias que se están a facer aos xornalistas, que están actualmente afectados por expedientes de regulamento de emprego, teñen en moitos casos un traballo precarios, e atopan que tras ter que traballar para a edición en papel e a dixital do mesmo xornal, agora están a pedirlles que tamén promovan o seu traballo nas redes sociais, o que segundo varios dos polemistas resultaría moi positivo para as súas propias carreiras.
Jerónimo Pérez, responsable do departamento de servizos web de Novacaixagalicia, asegurou que estaban a apostar con moita forza polas redes sociais, aínda que quixo dar un baño de realismo ao afirmar que os social media aínda non gozan de popularidade entre o público xeral, engadindo que os asistentes ao Compostweets 2011 non serve de exemplo da nosa sociedade pois o cidadán medio descoñece o que son as redes sociais.
Pérez tamén quixo desbotar a figura idealizada do Community Manager asegurando que «é imposible que haxa expertos nesta material, en tres anos que leva Twitter en España, para saber cómo vender a través das redes sociais», o que quedou perfectamente ilustrado polo considerado coma mellor tuiteo da xornada, publicado por Javier Varela: «Vendo Renault 5 turbo. Interesados enviar DM».
O último en intervir na mesa de debate foi Jorge Barreiro, de Turgalicia, que a través dunha espesa presentación deu a coñecer a estratexia de fomento do turismo galego mediante as redes sociais, destacando o feito de que actualmente contan con 5 Community Managers, o que contrasta con outras institución no tocante á súa presenza en liña, marcando os pasos que poderían seguir moitas outras axencias de promoción turística que entendan que as redes sociais son chave para o seu futuro.

JPEG - 122.8 KB
Fidel Martín, Alfonso Freire e Alberto Seone pecharon o evento presentando en sociedade a asociación de empresas de social media</Em> Adoupuntocero

Tras a mesa redonda de medios e institucións, a organización tivo a ben pechar o encontro introducindo a Fidel Martín, quen foi o encargado de presentar en sociedade unha nova asociación galega de profesionais das redes sociais, Adouspuntocero, que nos vindeiros días estreará páxina web, e que busca contribuír ao desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia a través da creación de programas de promoción das tecnoloxías e aplicacións prácticas da web 2.0, aglutinar a toda a comunidade profesional dedicada aos Social Media e defender os intereses dun sector que consideran que están en expansión tanto a nivel autonómico coma estatal.

JPEG - 100.6 KB
María Encinar explicou o valor de Twitter como ferramenta para a organización de eventos coma os de Iniciador Galicia
JPEG - 97.1 KB
Wicho contou a súa dobre experiencia en Twitter: a indivisual e a correspondente ao coñecido blog Microsiervos
JPEG - 102.1 KB
Pablo Iglesias falarou do uso profesional que dende Krasis dan ás redes sociais
JPEG - 98.6 KB
Os participantes na mesa redonda sobre Twitter instaron aos asistentes a amosar os seus trebellos para retratalos fotograficamente
JPEG - 59.4 KB
Os asistentes acudiron ao evento cargados de trebellos conectados para poder interactuar a través de Twitter

Os contidos de Compostweets 2011 están dispoñibles a través da gravación dos seus vídeos retransmitidos inicialmente mediante streaming, sendo tamén posible visitar unha atractiva galería de imaxes captadas polo fotógrafo profesional Manu Dibuja, que serve para revivir o evento de xeito gráfico.

PUBLICIDADE