Compostweets pechou a súa terceira edición centrándose nos negocios na Rede

luns, 25 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O pasado venres desenvolveuse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela a terceira edición de Compostweets, o Encontro Anual de Social Media de Galicia, que puido seguirse tamén en directo mediante streaming (estando a retransmisión dispoñible para a súa reprodución en diferido), e que serviu de punto de encontro para os profesionais galegos do sector das redes sociais, que durante toda a tarde puideron relacionarse ao abeiro dun par de relatorios e cunha exposición de proxectos empresariais baseados na Internet que competían por facerse cun premio consistente en formación a través da Escola Europea de Negocios grazas a un acordo con AJE Galicia.


Para animar o encontro e rachar o xeo, Raquel Lemos realizou unha acción de networking consistente principalmente no lanzamento dunha pelota de praia ao público, para que cada persoa á que fose a parar a collese e aproveitase a ocasión para presentarse ante o auditorio, para pasar a pelota a outra persoa ao azar, o que claramente contribuíu a xerar un bo ambiente.

Rodolfo Carpintier espiuse ante a audiencia


O prato forte da xornada foi a intervención de Rodolfo Carpintier, fundador e Digital Assets Deployment e incubador de proxectos de éxito como Tuenti e BuyVip, que fuxiu de guión e PowerPoint para ofrecer a súa experiencia aos asistentes dun xeito aberto e relaxado.

Os presentes puideron pasarlle a Carpintier as súas cuestións en forma de notas adhesivas, para que logo as respondese dun xeito moi directo, e tras esta maratón de cuestións, pasou a conversar dun xeito máis relaxado sobre os elementos que fan posible que unha empresa poida acadar o éxito apoiándose na Rede.

Instou á innovar no sector empresarial para poder liderar un sector durante meses, aproveitar os novos modelos de negocio que poidan xurdir, non concentrar os esforzos en captar investimentos públicos e moitos outros consellos. Tamén rexeitou iniciativas como a polémica Lei Lassalle asegurando que as industrias deben ser quen de defenderse por si mesmas, e deu a entender que sectores como o ensino electrónico ou a chamada Internet das cousas poderán explotar o seu potencial nos vindeiros meses.

Business Web


Tras a exposición maxistral de Carpintier, tivo lugar o Business Web, unha actividade na que varios proxectos finalistas presentados polo seu promotor acompañado por cadanseu mentor, intentou amosar o seu concepto durante un tempo limitado (4 minutos) para someterse logo ás preguntas do público, de xeito que logo sometíanse a unha votación a través de Twitter para determinar o que gañaría esta competición.

O primeiro proxecto en someterse ao escrutinio foi Twin Shoes, unha plataforma en liña para buscar parella estable, que foi presentada por Itziar Villar, e que xa fora recoñecida polos Premios INNOVA-G outorgados por AGESTIC.

Diego Carracedo encargouse de amosar o seu proxecto Marcasparapymes.com, como unha proposta para as pequenas empresas que buscan unha identidade de marca de cara ao seu lanzamento, para o que ofrecen uns prezos asumibles como principal atractivo.
César González, de Contact Comunicación, amosou o seu proxecto Felicítame.es en Compostweets
César González, de Contact Comunicación, amosou o seu proxecto Felicítame.es, que preséntase como un sistema inovador de enviar felicitación incorporando un vídeo gravado polo propio usuario e dispoñible a través dun código QR para poder velo dende o smartphone.

A plataforma de comercio electrónico Escompring deuse a coñecer da man de Marcos Pereira, quen destacou que tratábase dun xeito de facilitar a venda a través da Rede dos produtores evitando a intermediarios, facilitando que unha queixería, unha adega ou un negocio de repostería artesanal poidan comercializar os seus produtos dixitalmente sen ter que facer grandes investimentos.

A proposta de José Tamarit, iSendYou, non foi menos atractiva que as demais, consistindo nunha plataforma de vídeo aberta á colaboración, na que os asistentes a un local ou a unha festa doméstica poden construír de xeito social a listaxe de reprodución de vídeos musicais que ambienten a festa valéndose dunha aplicación móbil dispoñible para iOS e para Android.

Tras un proceso de valoración destes proxectos a través de Twitter, decidise que a proposta gañadora desta edición de Compostweets fose Escompring, quedando nunha segunda posición Twin Shoes.

Marketing dixital para acelerar as vendas en liña


Para completar o encontro, Rubén Bastón, director de Social Media e SEO de Elogia, impartiu un relatorio no que detallou os distintos elementos que conforman o que damos en chamar marketing dixital, deixando claros os distintos conceptos, e procurando detallar o que é posible conseguir (e o que non) mediante a promoción e comercialización a través da Internet dun xeito divulgativo.

Estamos ante conceptos que non paran de evolucionar, pois o que antes podía verse como venda de banners ou ligazóns patrocinas, e envíos de mensaxes por correo electrónico, hoxe é tamén presenza en redes sociais, atención ao cliente e moitos outros factores que fan que unha empresa poida empregar a Rede dun xeito efectivo para potenciar as súas vendas, para o que principalmente é preciso marcar obxectivos, para non perder o rumbo e poder facer unha planificación que permita ver á Internet como un elemento máis dos procesos dun negocio.

PUBLICIDADE