Compostela, novamente á cabeza das cidades estatais en reputación en liña

luns, 9 de xaneiro do 2017 Redacción

O servizo dixital Trivago, especializado en achegar recursos para que os internautas consigan as mellores experiencias turísticas, vén de dar a coñecer a súa máis recente clasificación sobre as cidades do mundo con meirande prestixio entre a comunidade dixital de viaxeiros. A listaxe, feita con opinións de usuarios dos máis variados recantos xeográficos (máis de 200 millóns doutro tanto de países), sitúa novamente a Compostela (con 83,72 puntos sobre 100), en 2016, como a cidade do ámbito estatal con maior puntuación. A nivel internacional, emprázase no posto 37.
Volvendo á clasificación española, Santiago é seguida a certa distancia por Granada (81,75), Valencia (81,64), Córdoba (81,63), Málaga (81,41) e Donostia (81,40). Compostela, segundo reflicte o Concello facéndose eco das informacións de Trivago, supera en puntuación a cidades como Kioto (83,40), Varsovia (83,38), Lisboa (83,16), Bogotá (82,81) ou Washington D.C. (82,44). Por outra banda, Compostela é a sexta cidade española con maior número de opinións de usuarios sobre hoteis en Internet, con máis de 70.000.
Como lembraremos, nin é a primeira vez que Santiago obtén recoñecementos deste teor por parte dos usuarios de Trivago (por exemplo en 2013, segundo informamos daquela en Código Cero, salientándose nese mesmo ano a calidade do servizo do Parador) , nin será a última con case total probabilidade.

PUBLICIDADE