Compostela crea unha app para dar a coñecer o comercio máis senlleiro da cidade

martes, 15 de novembro do 2016 Redacción

Coñecer de preto a nosa cidade e os comercios que forman parte da súa esencia é o obxectivo dunha aplicación para dispositivos móbiles que presentaba onte a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois. Desafío Comercial SCQ, é o nome deste xogo creado dende o Departamento de Comercio que vén a complementar a campaña Comercios emblemáticos que foi desenvolvida o mes pasado. Estamos perante unha aplicación, deseñada pola empresa compostelá Imagames Gamification Services (formada por mozos e mozas emprendedores e vinculada á USC) que nace con carácter permanente e que se renovará de xeito anual con novos retos e comercios emblemáticos.
O enredo desta idea é achegarse ao pequeno comercio máis senlleiro de Compostela dende un punto de vista lúdico e para iso é preciso buscar e atopar anécdotas e curiosidades que sumarán puntos e insignias que permitirán obter premios. Así, os obxectos que os usuarios teñen que atopar están relacionados cos oito comercios emblemáticos do 2016: un sombreiro (Sombreirería Iglesias), un gramófono (A Grileira), botes de esencia e musgo de Compostela (Farmacia Bescansa), un vestido (Tintorería Moderna), uns pendentes (sucesores de Bernardino Otero), unha cesta (Castañeiro), unha cunca (Ferretería Cruz) e un libro (Librería Pedreira).
Esta aplicación segue a historia de Rosa López Comunión, Rosita, personaxe compostelán dos anos 20, á que os participantes deben axudar para que esta atope o contexto, a historia ou a anécdota asociada a determinados obxectos, que serán parte da maleta que Rosita prepara para a súa viaxe a Cuba.
Dentro de cada obxecto desenvólvense uns retos a superar, arredor de diferentes comercios e rúas da cidade (non só os emblemáticos). As 15 primeiras persoas que superen o desafío gañarán un reloxo intelixente e o resto (mesmo se non superan todos os desafíos) poderán optar a outros premios: un paraugas automático en fibra de carbono e baterías externas de 2000 mAh (fío incluído) para recargar os móbiles.
Para recoller os agasallos, deberán pórse en contacto co Departamento de Comercio do Concello de Santiago mediante un correo electrónico (comercio@santiagodecompostela.gal), para así acordar data e lugar de recollida. Para levar os agasallos será preciso amosar o código QR xerado pola aplicación dispoñíbel na sección Agasallos da mesma. Os presentes están suxeitos a dispoñibilidade e limitados a un por persoa.
Poderán participar e recoller premios todas aquelas persoas maiores de 16 anos. Esta promoción estará vixente entre o 10 de novembro e o 10 de xaneiro de 2017, a partir desa data, subiranse novas promocións con novos presentes.

PUBLICIDADE