Compostela anima á mocidade a presentar achegas ao certame audiovisual das cidades patrimonio

xoves, 24 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A segunda edición do Certame de Creación Audiovisual para Mozos/as A miña cidade é patrimonio de todos que organiza o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (grupo no que se inclúe Santiago de Compostela) está xa na súa recta final no que a presentación de achegas se refire. Máis polo miúdo, o prazo para presentar contribucións remata o vindeiro 1 de xuño, segundo lembra o Concello de Santiago. O obxectivo do certame é mostrar perante a mocidade a importancia de protexer e valorar a riqueza histórica das súas cidades ao tempo que se estimula a creatividade botando man das novas tecnoloxías.
O programa enmárcase na celebración ao longo deste 2018 do 25 aniversario da constitución do Grupo. O certame, que coincide coa celebración en 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, está dirixido a xente de nova de entre 16 e 30 anos.
Amais dos ditos obxectivos, con este concurso tamén se busca propiciar un maior coñecemento e sensibilización cara as 15 cidades patrimonio, potenciar o uso das novas tecnoloxías, desenvolver a creatividade no eido da imaxe e estimular a capacidade de observación da contorna da cidade. Segundo informa o Concello de Santiago, fíxanse dúas categorías de participación: a primeira para a mocidade de entre 16 e 18 anos, que deberá presentar a súa obras no centro xuvenil/concellería de Mocidade dalgunha das 15 cidades que forman o grupo, e a segunda para participantes de entre 19 e 30 anos, que terán que inscribirse a través da páxina web www.ciudadespatrimonio.org.
Respectos dos premios a entregar, na primeira das categorías achegarase equipamento de medios audiovisuais para o centro xuvenil ou concellaría na que se inscribira o gañador ou gañadora, por valor de 3.000 euros. Tamén se entregará un smartphone de última xeración valorado en 1.000 euros. Na segunda modalidade, a de idades comprendidas entre os 19 e os 30 anos, o primeiro premio incluirá 2.000 euros, o segundo 1.500 e o terceiro 1.000.

PUBLICIDADE