Compostela acolleu unha xornada para acadar un panorama informativo máis xusto coas diversidades funcionais

luns, 24 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Alfonso Cabaleiro e Anxo Queiruga, á dereita da imaxe, no transcurso da xornada desenvolvida no CNTG de Santiago

Esta fin de semana que vimos de deixar atrás tratáronse na nosa terra unha serie de cuestións de gran interese para o noso desenvolvemento en materia de comunicación e información e para asegurarlle a ese desenvolvemento o alicerce máis igualitario e xusto posible. Estamos a falar da xornada sobre O tratamento da discapacidade nos medios de comunicación, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración do Comité de Entidades Representantes de persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI-Galicia). O seminario desenvolveuse en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, onde se deron cita representantes da nosa vida pública, dos medios de comunicación, de diversas entidades sociais sen arela de lucro e do eido da investigación e a innovación.
Amais das intervencións propiamente ditas dos relatores participantes, o encontro deu acubillo á presentación en formato de lectura doada e en braille dunha Guía de Boas Prácticas destinada a afianzar no eido xornalístico (tradicional, dixital ou mestura de ambos) un tratamento máis xusto, máis igualitario e máis solidario da información, fomentándose o compromiso coas persoas con diversidades funcionais. Na xornada participaron, entre outros, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o presidente de CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, ou o xornalista Juan Antonio Ledesma. Polo que se refire ao secretario xeral, dicir que aproveitou a ocasión para instar aos medios de comunicación a prestar atención ao “tratamento informativo, ás pautas de estilo e á linguaxe que empregamos sobre a discapacidade, posto que, debido ao seu impacto social, poden ser efectivos instrumentos da conciencia colectiva necesaria para lograr a integración social e laboral”. Na súa opinión, é preciso que os profesionais da comunicación leven a cabo “un serio esforzo de formación e actualización continuas, así como de que se produza un recoñecemento desa necesidade por quen exerce labores directivos nas empresas”. Cabaleiro tamén tivo tempo para presentar a devandita guía (que vén da man do seu departamento e do CERMI) e para facer fincapé na posibilidade de organizar unha xornada formativa e monográfica sobre lectura doada, “para que os profesionais poidan utilizala nos distintos medios de comunicación e así facer accesibles os medios a persoas con dificultades”.