Compostela Monumental forma nas TIC as mozas do obradoiro Empréga-TE

xoves, 11 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Compostela Monumental, a asociación de comerciantes e empresarios da zona histórica de Santiago, vai ofrecer á mocidade na procura de emprego e de adestramento avanzado un outono de formación tecnolóxico-dixital (TIC). Trátase, máis polo miúdo, dun novo paquete de cursos en liña para as mozas integrantes do programa de emprego, Empréga-TE 2.
Este novo paquete de actividades, que se desenvolve a través da plataforma de teleformación AulaEmprégate, achegará cursos até o 30 de novembro, incluído o máis demandado polas integrantes do programa: TIC, redes sociais e marca persoal.
O programa tamén inclúe un obradoiro sobre Intelixencia emocional e outro sobre Coaching e como conseguir obxectivos.
Teresa Hernández Armentia, adestradora e orientadora laboral de Compostela Monumental, é a encargada de impartir e dirixir as devanditas accións formativas. Segundo lembra a asociación, o programa Empréga-TE conta co apoio da Dirección de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE