Como dar no cravo nos nosos procesos de dixitalización, ao detalle nunha xornada da Cámara de Santiago

luns, 29 de maio do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio Santiago vai organizar unha nova xornada sobre transformación tecnolóxica: a xornada Como dixitalizar unha empresa e non morrer no intento. O gran obxectivo da sesión é facilitar o proceso de transformación nas pemes da contorna compostelá e, tamén, poñer o foco nas grandes vantaxes destes procesos, que abren grandes oportunidades ás empresas, sobre todo en medre de ingresos, aforro de custes, melloras en calidade ou competitividade, indica o ente cameral, advertindo tamén dos riscos dunha transformación mal planificada: “Non se trata só de incorporar tecnoloxías”.
A xornada virá da man de Socios Digitales, na que empresas tecnolóxicas e consultoras con experiencia en diferentes sectores, poñen o foco nas situacións reais que implica o proceso de transformación dixital, e como abordalas con éxito.
A sesión inclúe tamén unha paréntese práctica para facer networking de calidade con empresas do ámbito da área de Santiago e Barbanza.
Vai destinada a empresarios, responsábeis IT das empresa, directores xerais, xerentes, CEO (directores executivos), directores financeiros, comerciais e de produción, asesorías ou consultoras.
A cita será o vindeiro 8 de xuño, en horario de 10.00 a 12.00 horas, na sede da Cámara de Santiago (rúa República Checa 40, 15707 - Santiago de Compostela).
Tocaranse temas como os retos e obxectivos da transformación dixital, os pasos que dar na integración da mercadotecnia en liña na nosa empresa, a dixitalización industrial (xestión de persoas e procesos, dixitalización da xestión de tempos e materiais, casos de éxito), a ciberseguridade e as solucións na nube.
Relatores: Hugo Fraga, Rafa Villaverde, Anxo Mourelle, Roberto Alonso.
Curso financiado pola Unión Europea-Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

PUBLICIDADE