Como aplicar o Machine Learning no noso negocio, ao detalle nun novo obradoiro de Vitae
martes, 7 de maio do 2019
A
aprendizaxe das máquinas non é unha tecnoloxía nova, as máquinas
xa levan décadas facendo operacións semellantes á nosa dinámica
de pensamento, a dos seres humanos, o que é novo é o incremento
brutal das súas capacidades, un proceso que se disparará os anos
vindeiros poñendo en xogo unha serie de retos. Un dos principais
desafíos é o seguinte: farán falta profesionais con alto
coñecemento na materia, xa que o Machine Learning vai estar
presente en todos os ámbitos empresariais, sociais, económicos,
culturais, médicos ou científicos.
Se
alguén dubida do devandito, non ten máis que ver como as
tecnoloxías-máquinas están a resolver hoxe grandes problemas
científicos que se consideran imposíbeis de encarar, ou como afinan
na predición do tempo, ou como son quen de saber os nosos gustos
musicais, cinematográficos ou literarios case mellor ca ninguén.
Achegarnos recurso e formación avanzada para facer ferramentas con
ML é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Curso
de Solucións con Machine Learning, que organiza a consultora
Vitae en Vigo (Centro Social Afundación de ABANCA), os días 7, 8,
14 e 15 de xuño.
Serán
20 horas de adestramento para mostrarnos as principais aplicacións
do ML e amosarnos como integralas no noso negocio.
Para
quen non o saiba a estas alturas, o Machine Learning é o
ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de
xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai
realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas
como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes
sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN,
recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións
para a intelixencia do negocio. Ademais, alén do seu papel
científico, ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da
medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre
outros moitos.
Segundo
explican dende Vitae, a finalidade deste curso é introducir ao
alumnado no mundo do ML para que saiba diferenciar que problemas de
negocio son susceptíbeis de seren resoltos mediante algoritmos de
aprendizaxe máquina, e como asociar cada tipo de problema co
algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar os datos para obter os
mellores resultados deses algoritmos. “Todo isto dende un punto de
vista práctico, sinxelo e botando man de exemplos reais”.
A
persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto
Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade
da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia
como consultor técnico experto e certificado, achegando formación
na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA,
NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco
Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.