Commodore volve en forma de smartphone

mércores, 15 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos anos 80 o Commodore 64 converteuse en toda unha icona da informática persoal, especialmente nos EE.UU., chegando a converterse no ordenador máis vendido do mundo (con 17 millóns de unidades) e asentando unha marca que conseguiu sobrevivir con grande dignidade durante anos grazas a ordenadores como o Commodore Amiga, pero que non foi quen de adaptarse á revolución dos ordenadores PC compatibles, de xeito que en 1994 a compañía foi á creba.
Durante anos houbo bastantes cambios relativos á súa marca, e agora parece ter ido a parar a unha compañía italiana, que está a preparar un novo Commodore PET, que en vez de ser un ordenador persoal, sería un smartpohne 4G, cun procesador Mediatek de 64 bits e oito núcleos a 1,7 GHz, 3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 GB), pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, dobre SIM, batería extraíble de 3.000 mAh e sistema operativo Android 5.0, que incluiría preinstalados un par de emuladores, de xeito que permitiría recrear no móbil o software dos antes mencionados Commodore 64 e Commodore Amiga, que poderían correr algúns dos xogos da época, o que seguro que agradecerán os máis nostálxicos. Está previsto que que saia á venda en cor branca, negra e beixe-biscoito (a cor clásica dos equipos Commodore) esta mesma semana a un prezo de 275 euros para o modelo de 16 GB e 330 euros para o modelo de 32 GB.

JPEG - 45.2 KB
O novo Commodore PET sería un smartphone cunha pantalla de 5,5 polgadas

PUBLICIDADE