Comeza o xuízo contra os responsables de SeriesYonkis

luns, 8 de abril do 2019 Marcus Fernández

David Martínez e Jordi Tamargo levan bastantes meses afastados de SeriesYonkis e PelículasYonkisHoxe e até o xoves desenvolverase o xuízo contra Alberto García Sola, Alexis Hoepfner, David Martínez e Jordi Tamargo, responsables no seu día da popular web SeriesYonkis, no que supón o desenlace dunha causa iniciada pola Fiscalía de Murcia en 2008, á que tamén se sumaría EGEDA e a Federación Antipiratería (desaparecida e agora representada por Adivan), que solicitan indemnizacións de 546 e 9,5 millóns de euros respectivamente, así como 4 anos de cadea para cada acusado (aínda que a fiscalía deixa tal petición de pena en 2 anos de cadea).
A acusación asegura que Alberto García Sola comezou a operar en 2007 as páxinas web SeriesYonkis, PeliculasYonkis e VideosYonkis dende ordenadores situados no Universidade de Murcia e no seu propio domicilio, con servidores nunha compañía de Sevilla, facilitando o acceso a numeroso material audiovisual protexido polo dereito de propiedade intelectual, xogando un rol (xunto co resto de impulsores da web) que ía máis aló da intermediación entre o usuario e o contido, e conseguindo rendibilidade económica a través da publicidade.
Os acusados impulsaron SeriesYonkis en distintas etapas, xa que en abril de 2010 Sola vendeu todo por 610.000 euros á sociedade Burn Media, S.L., administrada por Hoepfner, e onde tamén figuran como socios Martínez e Tamargo (que venderían as súas participacións a Hoepfner en 2011).
En 2012, cando entraron en vigor reformas legais que facilitaban as actuacións contra plataformas como SeriesYonkis, sóubose que Sola e Martínez deixaran o proxecto para emprender novas actividades, e finalmente en 2014 SerieYonkis tirou a toalla e retirou as ligazóns a contidos protexidos.
Na súa comparecencia Sola declarou que nunca colgou ligazóns a contidos protexidos, encargándose unicamente de labores técnicas, deixando toda a responsabilidade dos contidos de SeriesYonkis aos usuarios da plataforma.

PUBLICIDADE