Comeza o Leadership Fórum eCommerce abordando o que poden facer as TIC polas nosas PEME

mércores, 6 de maio do 2015 Redacción

Finalmente comezou onte a terceira edición do Leadership Fórum eCommerce, un congreso de InCoruña sobre xeitos de aproveitar o que nos brindan as TIC para mellorar a nosa competitividade, e o evento foi inaugurado por Victoria Vera, directora do programa eMarket Services do ICEX, quen comezou explicando (precisamente) as vantaxes que pode supor para unha PEME empregar as vendas en liña. Ao seu xuízo, “internacionalizar e utilizar o comercio electrónico é a día de hoxe unha necesidade”. Asemade, lembrou que en Internet “todo empeza pola linguaxe”, polo que definir conceptos e palabras clave debería ser un dos primeiros pasos a seguir por calquera estratexia en liña que queiramos pór en marcha. Ou sexa, que cómpre ter un tino especial na elección dos termos, pois deles van depender cousas coma estas: que nos busquen e nos atopen, ou que nos atopen sen buscarnos.
Segundo engadiu a relatora, outra das claves para unha pequena empresa que queira dar o chimpo a Internet é analizar en que canle quere vender e se desexa facelo cunha plataforma ou cunha tenda propia. E explicou, apostando por procurar o máis acaido ás necesidades e recursos: “Para unha empresa con poucos recursos, os mercados electrónicos poden ser unha opción moi interesante”. En semellantes termos expresouse Miguel Ángel López, socio da Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA) e coordinador do congreso: “Galicia queda nun recuncho de España, pero en Internet somos todos iguais".
O evento continúa hoxe en AFundación, na Coruña, ás 10.00 horas coa charla sobre Vender/exportar a través de mercados electrónicos que impartirán Manuel Camacho e Luís Carbajo, de Solostocks. Ás 12.00 horas será a quenda de Sheila Álvarez, directora de contas en Elogia, quen falará sobre Mercadotecnia para ecommerce. Pola tarde, ás 16.00 horas, Xavi Haro, CEO de Ecomm Galicia, explicará as claves para crear unha tenda de forma sinxela e (case) gratis, mentres que Xosé Rivera, CEO de DobleClick, falará ás 17.00 horas sobre Como facer fichas de produto que vendan máis. Ás 18.00 horas, Juan José de Santiago, de Vodafone, terá un relatorio titulado Retail meets ecommerce e Kike Soria, director de Tech&Law, porá fin ao encontro ás 19:00 horas cunha charla sobre Nova lexislación ecommerce. O presidente da Deputación, Diego Calvo, será o encargado de clausurar, a as 20.15 horas, o III Leadership Fórum E-comm.
Asemade, respecto aos obradoiros previstos, sinalar que tralo taller de Ricardo Tayar, hoxe impartirase o segundo obradoiro programado, na sede de ASCEGA (rúa Matadoiro, 57) de 17.00 a 19.00 horas. A actividade en cuestión virá da man de Improving Metrics, e xirará arredor da analítica web (que, como, porqué e despois que?). Improving Metrics, sinala a organización do congreso, é un equipo de profesionais afincados en Coruña que conta entre os seus clientes con algunhas das máis grandes empresas nacionais e internacionais (de feito, moitos dos seus directivos confían nas métricas que lles ofrece IM para tomar as decisións de negocio axeitadas). Con este obradoiro, que se celebra hoxe a partir das 17 horas, os participantes aprenderán a planificar unha estratexia analítica, integrar e aplicar ferramentas axeitadas e analizar os datos para tomar decisións que melloren a rendibilidade do seu negocio, on/off line.

PUBLICIDADE