Comeza na Coruña unha nova formación en Big Data para persoas desempregadas

martes, 14 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

O Concello da Coruña iniciou o luns 13 de marzo a segunda formación gratuíta en Big Data para persoas desempregadas no marco do programa Actualízate. Convocada no Centro Municipal de Emprego dos Rosales, conta con 28 prazas e 253 horas de formación gratuítas que se desenvolverán ata o 9 de xuño, en horario de 9.00 a 18.00 horas. Ademais, o curso complétase con 12 horas de orientación laboral por persoa en formación, xunto cun compromiso de inserción laboral de seis meses para un mínimo do 25% do alumnado que finalice o programa.
A formación é froito do convenio asinado coa UTE Innova Next, SLU e The Valley Digital School SL para o desenvolvemento da formación para o emprego e intermediación no sector da tecnoloxía e a comunicación, avanzando no obxectivo do Goberno de Inés Rey de dar formación en sectores con alta demanda de persoal cualificado.
O programa está impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE). En concreto, desenvólvese con cargo ao Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE).

PUBLICIDADE