Comeza en Santiago o congreso CTMI: a gran cita internacional das matemáticas, as TIC e a innovación

luns, 22 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe comeza en Santiago un dos grandes eventos científico-tecnolóxicos da tempada, non só a nivel galego senón a nivel de todos os países e dun nexo común que debera unilos a todos: a aposta polas ciencias da computación e do cálculo para resolver algúns dos principais retos mundiais que lles atinxen (ambientais, económicos, sociais, médicos, urbanísticos ou científicos). Estamos a falar do primeiro Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria, que vén da man do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) con sede no Campus Vida de Santiago.
Na inauguración, celebrada hoxe a primeira hora da mañá na aula magna da Facultade de Matemáticas, participaron Mª Vitoria Otero, vicerreitora de Titulacións da Universidade de Santiago, Salvador Naya, presidente do ITMATI, Peregrina Quintela, directora de ITMATI, Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Segundo fixeron saber, durante o congreso CTMI 2019 (que se estende até pasado mañá, mércores 24) daranse a coñecer avances significativos no eido da matemática industrial, a través das experiencias de destacadas personalidades internacionais do ámbito da empresa, a ciencia e o mundo académico, e todo “co propósito de promover o uso das matemáticas máis innovadoras na industria”. Os participantes proceden de diferentes países de Europa, América, África e Asia; en particular de Francia, Hungría, Italia, Luxemburgo, Noruega, Alemaña, Ucraína, Rusia, Estados Unidos, Kazajistán e Alxeria; ademais de diversos puntos de Galicia e do resto de España.
Detrás deste importante evento atópase o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida, que contará, para a realización do congreso, co apoio da European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN), a Rede Estratéxica en Matemáticas (REM) e a Enterprise Europe Network.

Peregrina Quintela, directora do ITMATI

A finalidade concreta deste encontro internacional é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas xunto ás súas aplicacións industriais. No transcurso do mesmo presentaranse novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da industria e da sociedade en xeral, e daranse a coñecer algunhas experiencias singulares de transferencia de resultados á industria. Tamén se porá foco en mostrar como a colaboración entre o mundo académico e a industria permitiu abrir novas liñas de investigación no eido das matemáticas e a súa reflexión en publicacións de impacto internacional.
No marco deste encontro terá lugar unha actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á sociedade en xeral. Será o 23 de xullo no Auditorio Abanca de Santiago (rúa Preguntoiro), de 20:00 a 21:00 horas. Antonio Pita Lozano, responsábel global de analítica e consultoría en LUCA, Unidade de Datos de Telefónica, ofrecerá a conferencia Datos e matemáticas. Os propulsores das compañías data driven. Versará sobre o valor da información para as empresas: un activo estratéxico para a transformación dixital. Durante a súa intervención fará un percorrido sobre o reto de sacar rendemento aos datos mediante modelos matemáticos de Intelixencia Artificial e estatística co obxectivo de aumentar os ingresos empresariais, reducir os custos e mitigar os riscos para mellorar a xestión empresarial.
Congreso bianual
A deste mes de xullo en Santiago é a primeira edición deste congreso de transferencia matemática en España, promovido pola Rede Española Matemática-Industria (math-in) e que prevé ter edicións bianuais. O CTMI 2019 é un evento satélite de ICIAM 2019 (International Congress on Industrial and Applied Mathematics), un congreso que se celebra cada catro anos. A anterior edición foi en Pequín e a vindeira terá lugar en Xapón. Este ano celebrarase en Valencia a semana previa ao CTMI 2019 de Santiago -do 15 ao 19 de xullo- e está previsto que asistan máis de 4.000 congresistas.

PUBLICIDADE