Comeza en Lugo un curso sobre mercadotecnia dixital para impulsar o empregabilidade e o emprendemento de 25 persoas

martes, 8 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O concelleiro Mauricio Repetto na presentación do curso sobre redes sociais

Este luns ás 16.00 horas comezou no CEI Nodus de Lugo a acción formativa Social media, marketing dixital e emprendemento que impulsa a área de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello ao abeiro do seu convenio coa Fundación INCYDE. Trátase dunha iniciativa avanzada de adestramento tecnolóxico na que participan dúas ducias de persoas ao longo de seis semanas, mellorando currículo e facendo avanzar os seus coñecementos sobre os mellores xeitos actuais de acadar novos clientes e mantelos no tempo, atopar mercados e mellorar a comunicación.
O programa está co-financiado pola Unión Europea a través do seu Fondo Social e ten un orzamento de 45.000€, dos que o 80% son achegados pola dita fundación a través da subvención do FSE (Fondo Social Europeo) e o 20 % restante son fondos propios do Concello de Lugo.
O concelleiro Mauricio Reppeto deu a benvida ao alumnado que recibirá a formación e explicou que o programa está dirixido, principalmente, a persoas desempregadas interesadas en optimizar e especializarse en competencias de mercadotecnia, emprendedoras e emprendedores que conten cunha idea de negocio e desexen realizar un proxecto viábel de creación de empresa, así como empresarios e empresarias do sector que queiran mellorar a competitividade das súas iniciativas de mercado e facelas medrar grazas ás novas tecnoloxías 2.0.
O obxectivo fundamental do curso é “proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver plans coa axuda das ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha”.

PUBLICIDADE