Comeza a venderse en España a Nintendo DSi

venres, 3 de abril do 2009 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas a nova Nintendo DSi, a terceira consola portátil de dobre pantalla de Nintendo, que nesta ocasión elimina o seu porto para cartuchos de Game Boy Advance e incorpora dúas cámaras, lector de tarxetas SD e navegador web, abrindo o dispositivo a unha maior interacción, así como a unha tenda de descargas (DSiWare) na que convivirán contidos de balde con outros de pago.
A nova consola permite funcionar tamén coma reprodutor musical (cargándose as cancións en tarxetas SD), ou coma gravador/editor de voz, aínda que desta volta non substituirá ao seu modelo anterior (a Nintendo DS Lite) posto que esta consola portátil ten varias eivas: a comentada carencia do porto para GBA (o que invalida o uso de xogos coma Guitar Hero On Tour), unha autonomía máis reducida e un prezo máis elevado (pasa de 149,95 a 169,95 euros).

PUBLICIDADE