Comeza a conta atrás para a gran semana tecnolóxica galega: a Mobile Week Coruña

luns, 19 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, a partir de pasadomañá, comeza na Coruña e na súa área metropolitana a aprimeira edición da que será, seguramente, a semana galega máis tecnolóxica do ano: a Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona, responsábel, tamén, da organización do Mobile World Congress. O evento, un espazo de arte, ciencia e tecnoloxía, vén cun relevante programa de actividades transversais, para todos os públicos, que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos, a repartir entre o termo municipal coruñés, a Área Metropolitana e Compostela, na Cidade da Cultura. En termos concretos, desenvolveranse preto dun cento de accións TIC. Amais, impulsando a semana co seu patrocinio ou apoio atópanse máis de 60 empresas e institucións.
Os comezos da semana
Mobile Week Coruña comezará a facer ruído entre tres espazos concretos: na Cidade da Cultura (o mércores ás 9.15 horas na Cidade da Cultura de Santiago con conferencias e debate sobre ciberseguridade, ás 10.00 horas no MUNCYT da Coruña coa apertura da exposición Campus Vigo, Investigar na Universidade, e a partir das 10.00 horas no Club Financeiro Atlántic coas exposicións Colectivo Papermoon 2.0, Neuronal Landscape, Arte Matemático Dixital 3D, Environment Dress 2.0, A máquina do amor e Sen-tence Peza de visuais xenerativos. De xeito paralelo, a aula CeMIT de Abegondo abrirá fogo a partir das 10.30 do mércores 21 cun obradoiro práctico sobre alfabetización dixital. Máis tarde, a partir das 11.30 horas, o IES Díaz Pardo de Sada súmase ás celebracións co obradoiro E eu que pode ser de maior?
Patrocinadores
O patrocinador principal de Mobile Week Coruña é ABANCA, que amais implícase de cheo na programación. De feito, o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, será un dos encargados de pechar o acto de clausura o día 28. Amais, a sede da fundación da entidade, Afundación, acollerá o día 22 a conferencia Tecnoloxías da Información: a construción dun espazo de aprendizaxe, do catedrático da Universidade de Sevilla, Julio Cabero, unha actividade que precederá (tamén no salón de actos de Afundación) aos seis mWeekTalks previstos durante Mobile Week Coruña. O director xeral de IT da entidade financeira galega, José Manuel Valiño, tamén participará na mesa de debate A revolución dixital no traballo, e, por outra banda, a Escola de Negocios Afundación (IESIDE) acollerá o día 26, na súa sede da Ronda de Nelle, catro conferencias TIC sobre persoas, tecnoloxías, clientes e management.
Tamén son patrocinadores da semana Estrella Galicia e Accenture Dixital. A marca cervexeira tomará parte na programación da man de Juan José Delgado, responsábel do ámbito dixital da empresa e co-impulsor de The Hop, programa de emprendemento colaborativo de Estrella Galicia.
Pola súa banda, Accenture achegará un obradoiro sobre como construír modelos de Intelixencia Artificial para móbiles e IoT (Internet das Cousas). Ademais, o seu director xeral para España, Portugal e Israel, José Luís Sancho, será un dos seis relatores na mesa de debate Revolución dixital no traballo.
Entre as empresas máis implicadas tamén se atopan Gadis, Intasa e R, todas elas patrocinadoras do evento. A operadora de cable, ademais, participará na programación con obradoiros de robótica para os máis novos e unha charla para pais e avós sobre o uso de internet que fan a mocidade.
PALEXCO, Cega, Lexus, Auren, Plam e Lifesice son empresas que tamén colaboran para que a Mobile Week Coruña supere as 100 actividades ao longo de sete días.
Ademais, o evento conta co apoio e patrocinio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de AMTEGA, e a Deputación da Coruña. Todas elas tamén participan con eventos na programación da Mobile. Outras institucións como a Universidade da Coruña, o CESGA ou o Club Financeiro Atlántico tamén se sumaron á iniciativa.
Boa parte do peso da organización do evento, con todo, recae na Mobile Word Capital Barcelona, cuxo director executivo (CEO), Carlos Grau, salientou na presentación da cita que A Coruña “está dentro da liga das cidades do futuro”, poñendo o o foco “na oportunidade que supón o seu porto como laboratorio activo de retos de futuro”.

JPEG - 119.6 KB
Presentación da Mobile Week Coruña en setembro de 2018

Como dixemos, tamén está mergullada no desenvolvemento da semana a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, que este mes de novembro formalizou un convenio de colaboración co Club Financeiro Atlántico, aproveitando este acto para mostrar os detalles da súa participación e, tamén, achegar información relevante sobre o programa. Segundo fixo saber a axencia que dirixe Mar Pereira, a través do dito acordo fornecerase á Mobile Week Coruña con 30.000 euros. Ademais, ampliarase a súa área de influencia cunha vintena de actividades na propia cidade herculina e nos Concellos de Abegondo, Betanzos, Sada e Santiago de Compostela.
O apoio da AMTEGA á Mobile Week ten un obxectivo de base, segundo indicou na formalización do acordo Mar Pereira: “Irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade”.
Pereira tamén lembrou o tipo de actividades que inclúe o programa: cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en Internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais, entre outras xeira de traballo e obradoiros.
A programación está dispoñíbel na web da MWC (www.mobileweekcoruna.com), na que tamén están as actividades previstas na Cidade da Cultura. O polo tecnolóxico do Gaiás súmase á Mobile con dúas xornadas sobre Ciberseguridade o 21 de novembro, una dirixida ás PEME e outra á cidadanía.
As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o “Corazón Dixital de Galicia”, para o que os interesados se poden inscribir a través de correo electrónico.
A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.
Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente chave da dixitalización do territorio, a Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.
Volven os Coruña Bloggers
A celebración da Mobile Week Coruña suporá tamén o regreso dos encontros Coruña Bloggers, propio dos últimos mércores de cada mes, que de xeito excepcional celebrarán un par de sesións os días 26 e 27 de novembro (luns e martes respectivamente) ás 19:00 horas na Fundación Barrié. Como é habitual, a xeito de entrada para estas citas os participantes poderán acudir con como mínimo 1 quilo de alimentos non perecedoiros que doaranse á Cociña Económica e, tras o encontro formal continuarase cunha sesión de networking nun local de hostalaría próximo. Desta volta, a inscrición ás actividades terá lugar a través da propia plataforma da Mobile Week Coruña.
O CPEIG participará con xornadas e obradoiros
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar da súa presenza activa na programación da Mobile Week Coruña. Na cita o CPEIG ofrecerá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias.
Celebraranse o venres, 24 de outubro, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas en ExpoCoruña. Por outra banda, o Colexio organizará ao abeiro de Mobile Week Coruña un obradoiro sobre o pilotaxe de drons para nenos e nenas, o venres 24 de novembro, ás 16:00 horas en ExpoCoruña. E finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Abendaño, participarán na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, o venres, 24 de novembro, no Paraninfo da Universidade da Coruña. Máis datos en www.cpeig.gal.
O CITIC contribúe con actividades creativas para nenas e nenos
O Centro de Investigación TIC (CITIC), con sede no Campus de Elviña, contribuirá a Mobile Week Coruña con actividades creativas e interactivas de robótica para nenas e nenos. Segundo lembra o CITIC, o evento MWeekCoruña será unha boa oportunidade para albiscar as tendencias futuras do desenvolvemento dixital en todas as súas vertentes, e tamén para incrementar a colaboración multidisciplinar entre profesionais de toda índole (artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria) arredor das tecnoloxías e da ciencia. As accións do CITIC celebraranse o 22 de novembro (ao abeiro de mWeek Kids, no CEIP Eusebio da Garda da Coruña), o 23 (no marco da mWeek Kids no CEIP Escolapios da Coruña), o 24 (conxuntamente coa operadora R, na sede do CITIC, realizaranse os obradoiros Crea R) e o 26 (ao abeiro de mWeek Labs, con obradoiros de Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT, xunto con Accenture na sede do CITIC).

PUBLICIDADE