Comeza a conta atrás para a VI First Lego League Galicia, este sábado en Ferrol

xoves, 13 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Auditorio de Ferrol acolle, este sábado 15 de febreiro, en horario de 08:30 a 15:00 horas, unha nova edición (a sexta xa) da First Lego League Galicia, na que participan un total de 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos e mozas de Galicia e Asturias. Como novidade, nesta convocatoria 2019/20, inclúese unha nova categoría: a FLL Junior Discovery dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos.
Á fronte deste proxecto está o profesor da Universidade da Coruña, José Antonio Becerra Permuy. Amais, como cada ano, colaboran nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a First Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
O programa
O programa de actividades arrincará coa entrada dos equipos e rexistro (entre as 8.30 e as 9.00 horas) para ir desenvolvéndose logo as xuntanzas cos adestradores (ás 9.15), a cerimonia de apertura (ás 9.35), a presentación de proxectos (ás 10.00), os xogos cos robots (de 10.00 a 14.10 horas) e o acto de entrega de galardóns (ás 14.20 horas).
A liga
A liga, informa a UDC, é “un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis”. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía ao mesmo tempo que aprenden habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
Este reto está conformado por tres ámbitos de traballo:
· Deseñar, construír e programar un robot.
· Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto pola rapazada.
· Demostrar uns valores de equipo.
Os equipos teñen que resolver o desafío en tres áreas de traballo: un proxecto científico (que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto), un xogo de robot (deseño, construción e programación dun enxeño Lego MindStorms Education que terá que superar divertidas misións nun taboleiro de xogo relacionado co desafío) e unha integración dos valores First Lego League (descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión).
Fitos da nosa terra
Na última edición da liga galega o equipo Las Acacias BOT do Colexio Fomento Las Acacias de Vigo gañou o campionato e viaxou até Tenerife para disputar a final nacional. Fíxoo acompañado do equipo Emotional Tricks do CPI A Xunqueira de Fene como segundo clasificado.
Na Gran Final First Lego League España, Las Acacias BOT conseguiu o Primeiro Premio GMV á Estratexia e Innovación, feito que clasificou o equipo galego para participar nunha das finais internacionais que organizan en distintas partes do mundo. Pola súa banda, o grupo Emotional Tricks acadou o segundo premio á inspiración neste certame.
Na final internacional de Montevideo (Uruguai), o equipo do Colexio Fomento Las Acacias de Vigo acadou o terceiro premio ao deseño de robot.
Na edición 2018/19, o equipo Waterbot do IES de Fene (A Coruña) conseguiu o Premio Fundación Scientia ao gañador e clasificouse para a gran final First Lego League España que tivo lugar en Logroño en marzo de 2018.
O equipo dos Fire Detectors do CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña) resultou gañador do Desafío Animal Allies na edición 2016/17. Os Tecnorois do CPI Dos Dices (Rois, A Coruña) acadaron este mesmo galardón no Desafío Trash Trek en 2015/16. Por último, os gañadores da primeira edición foron os Xunqueirobot do CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña) co Desafío World Class.
Para máis información podemos consultar o Facebook da liga galega.

PUBLICIDADE