Comeza Xuvenciencia coa participación de 150 docentes da USC e un centenar de actividades

luns, 3 de xullo do 2017 Redacción

A Deputación e o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago (Campus Terra) inauguraron este luns a quinta edición do Campus de Verán Xuvenciencia, do que falamos hoxe en Código Cero para dar conta das contribucións á actividade da Fundación TIC (Deputación de Lugo). A apertura de actividades veu da man da alcaldesa Lara Méndez, do deputado de Deportes, Pablo Rivera, e máis do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno. Segundo fixeron saber, Xuvenciencia acubilla este ano máis dun centenar de eventos programados e a participación de 146 docentes da USC e outro persoal de apoio.
O Campus de Verán celébrase dende hoxe até o 8 de xullo. No acto de presentación tamén fixeron acto de presenza o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; e a coordinadora deste campamento científico, Mercedes Novo. A nova edición de Xuvenciencia, unha iniciativa para estudantes preuniversitarios de 4º de ESO e Bacharelato, desenvólvese baixo lema Aprendendo desde a experiencia.
Respecto do número total de destinatarios das actividades, serán un total de 135 mozas e mozos. Adquirirán, estes días, formación avanzada en novas tecnoloxías e ciencia ao tempo que terán ocasión de esculcar nas posibilidades (amplas e variadas) dos estudos que fornecen as seis facultades e escolas do Campus Terra, así como os seus dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. Nestes centros, precisamente, desenvolverase estes días boa parte do programa de actividades, abranguéndose tamén visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario LucusAugusti, Fundación TIC da Deputación de Lugo), e a realización de actividades prácticas e de obradoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra.
Ademais, os estudantes terán ocasión de ser protagonistas de máis de dúas ducias de proxectos científicos, tecnolóxicos e sociais centrados nun variado e amplo abano de áreas de coñecemento: dende unha introdución ao cor e aos pigmentos naturais até formación directa en enerxías de futuro, na simulación informática da enerxía das ondas mariñas, na creación de anuncios publicitarios ou no traballo diario que se desenvolve nunha clínica veterinaria.

PUBLICIDADE