Comasis celebra na Coruña unha xornada formativa sobre tecnoloxías 2.0

xoves, 3 de outubro do 2013 Redacción

A compañía coruñesa Comasis, da que falamos hai pouco en Código Cero para informar do gran evento internacional que vai organizar en Vigo arredor das redes sociais, celebra no serán deste xoves unha actividade formativa sobre novas tecnoloxías sociais que en boa medida funciona de antesala do que vai vir o 22 de outubro: o devandito congreso Organización 2.0. A actividade deste día 3 de outubro vén da man de Comasis e da Confederación de Empresarios da Coruña, e trátase do Máster Class sobre Tecnoloxía 2.0 para a mellora empresarial, unha actividade para a que xa se tiñan rexistrados (días antes do desenvolvemento da mesma) máis de 100 empresarios e directivos procedentes de diversas organizacións da provincia da Coruña, “interesados en coñecer como as ferramentas 2.0 máis novas poden mellorar a produtividade das entidades que dirixen”, informa Comasis.
O evento dá comezo ás 18.00 horas (até as 21.00 aproximadamente e desenvólvese no local da Confederación, contando coa presenza dos relatores (consultores de recoñecido prestixio e especializados nas novas ferramentas tecnolóxicas e de comunicación empresarial) Alejandro Vázquez, Luís Calvo, Mario Cernadas, Tamara Branco, José Ramón Porto, Antonio Soto e Fernando Álvarez. Esta máster class, explican dende a empresa da Coruña, pretende “pór en valor unha ferramenta colaborativa que xa se atopa dentro das organizacións e que, con todo, moitas delas ignoran que poden utilizar para mellorar de maneira moi significativa tanto a súa produtividade como outros procesos empresariais: falamos dunha ferramenta pola que as empresas xa pagaron e que serve para despregar intranets 2.0, contornas colaborativas, xestión documental, de proxectos e de calidade, automatización de procesos e indexación de documentos, entre outras moitas posibilidades”.
O evento de Comasis está dirixido a directores xerais, xerentes, directores de tecnoloxía, directores de innovación, directores de organización e de recursos humanos ou calquera empresario interesado en coñecer as devanditas potencialidades destas solucións 2.0 para as súas corporacións.

PUBLICIDADE