Coldplay estrea o seu novo single en Guitar Hero III

mércores, 11 de xuño do 2008 Raquel Noya

O agardado novo disco da banda Coldplay, Viva la Vida, que sairá á venda o vindeiro 17 de xuño, pasará a formar parte do Guitar Hero III: Legends of Rock co lanzamento dun pack de tres cancións descargables para o deleite dos seus fieis seareiros.
O devandito paquete de acordes que Activision Inc. vén de anunciar inclúe o seu aclamado tema Violet Hill, o seu primeiro gran éxito, Yellow e a animada e melódica God Put a Smile Upon Your Face do álbum A Rush of Blood to the Head premiado cun Grammy.
As cancións de Coldplay para o Guitar Hero máis soado estarán dispoñibles o vindeiro 19 de xuño no Bazar Xbox LIVE para o sistema de entretemento e videoxogos Xbox 360 e no Playstation Store para a consola Playstation 3.
Dende esa data, a banda de rock inglesa ocupará o seu posto no popular videoxogo a carón de artistas tan lendarios como Aerosmith, Guns ´N´Roses, The Rolling Stones, Pearl Jam ou Beastie Boys.

PUBLICIDADE