Clubhouse e Twitter Spaces continúan a recibir novidades

venres, 15 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Tras uns meses nos que o audio social converteuse nun terreo de guerra no que moitas compañías loitaban por facerse un oco, parece que o mercado non remata de emerxer até o nivel que buscan, quedando como principais axentes, polo momento, Clubhouse e Twitter Spaces, que están a incorporar novidades bastante interesantes, xa que poden atraer a novos creadores.
Por parte de Clubhouse, a novidade desta semana é a incorporación do Modo Música, ou sexa, unha configuración das salas de audio que permiten mellorar a calidade sonora para poder acoller interpretacións musicais de distinto tipo, incluso con son estéreo, de xeito que os creadores poden conectar micrófonos USB ou mesas de mestura para realizar retransmisións profesionais.
Amais, Clubhouse tamén engadiu soporte de son estéreo aos Clips, de xeito que agora os anacos sonoros que compartamos escoitaranse mellor.
Dende Twitter Spaces están a incorporar novidades bastante importantes, como as salas de pagamento (que chegan a usuarios que abriran un mínimo de espazos nos últimos 30 días, teñan un mínimo de 1.000 seareiros e estean nos EE.UU.) e abriron o programa Spark a través do que recompensarán aos creadores de contidos para Twitter Spaces nos EE.UU., con acceso a ferramentas, promoción e incluso unha achega de 2.500 dólares/mes.
Ambas iniciativas de Twitter Spaces ampliaranse a novos mercados no futuro, aínda que polo momento é un bo xeito de explorar a viabilidade do formato comercialmente.

PUBLICIDADE