Clubhouse chegará a Android nun par de meses

luns, 22 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A guerra polo audio social está a chegar a un momento crítico, e mentres Twitter está a poucos días de abrir as súas salas de voz a todos os usuarios de Android (actualmente está en fase de probas e, aínda que permite participar en salas, só é posible crealas dende iOS), dende Clubhouse por fin publican unha estimación da súa chegada a Android, versión da célebre (aínda que pouco usada) aplicación de salas de voz que precisa de invitación para funcionar e que chegaría aos móbiles con software de Google dentro de dous meses, o que pode considerarse un retraso demasiado grande para chegar ao sistema operativo móbil máis usado globalmente, pois cómpre salientar que, aínda que Clubhouse gañase popularidade nos últimos meses, leva todo un ano operando.
Clubhouse atópase nun momento de grande espallamento, con moitos ollos postos no seu servizo, e coas principais plataformas sociais preparando servizos competidores, xa que non só Twitter Spaces ameaza con facer irrelevante a Clubhouse, senón que a chegada de Facebook e outras compañías ás emerxentes salas de voz podería ter un grande impacto, sendo aínda unha grande incógnita se hai realmente demanda para este tipo de sistemas de comunicación cando durante o confinamento xa se popularizaron as salas de vídeo.
En calquera caso, dende Clubhouse parecen ter ben enfocado o seu negocio, e actualmente céntranse en fichar talento para o desenvolvemento do seu servizo, buscan reforzar as súas infraestruturas para poder manter o seu crecemento, incorporan funcionalidades para facilitar o descubrimento de contidos de interese na súa plataforma e, moi especialmente, teñen previsto investir nos creadores de contido, ou sexa, permitir que os creadores de salas de voz poidan gañar cartos na liña do que acontece en plataformas como Twitch, o que podería ser a peza chave deste quebracabezas.

PUBLICIDADE