Clausurado o I Congreso Internet na Aula, con gran éxito de asistencia

luns, 30 de xuño do 2008 Raquel Noya

O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, foi o encargado de clausurar o pasado sábado o primeiro Congreso Nacional Internet na Aula que se celebrou de xeito simultáneo en Madrid, Barcelona, Granada e Santander e que serviu para dar a coñecer as claves do emprego das novas tecnoloxías no ensino.
Durante a súa intervención, o ministro sinalou que “o que distingue ás economías avanzadas das economías emerxentes ou subdesenvolvidas é o emprego, en maior ou menor intensidade, das TIC” e, neste senso, lembrou que unha das principais “bazas” do Goberno é xeralizar o uso das novas tecnoloxías nos centros de ensino.
No seu discurso, Sebastián indicou asemade que “o 96,2 por cento da poboación dispón da posibilidade de conectarse a banda larga” e que “máis de 22 millóns de españois (o 53,5 por cento da poboación) acceden de xeito habitual a Internet”, unhas cifras que converten a España “no cuarto país máis importante de Europa” no referente ó uso da Rede (a pesares dos elevados prezos de conexión e uso da Rede que pagamos en comparanza con outros países).
No marco do Plan Avanza, o programa Internet na Aula, supón un investimento conxunto de 454 millóns de euros por parte do Goberno e das Comunidades Autónomas para o período de 2005-2010. Este programa responde aos tres retos que propón a integración de Educación e novas tecnoloxías: “levar a posibilidade física de conexión aos colexios, ensinar as TIC e ensinar con TIC”.
Sebastián indicou que a intensificación das novas tecnoloxías no sistema educativo “ten outros efectos aparte da mellora da calidade do ensino”, entre eles, “o importante efecto de arrastre que pode producirse na industria audiovisual ou de creación de contidos dixitais”.

PUBLICIDADE