Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu afondan na poesía de Valente con ferramentas computacionais
luns, 22 de xullo do 2024
O profesor da USC na Facultade de Humanidades, Claudio Rodríguez Fer, e a investigadora Adina Ioana Vladu, pertencente ao Instituto da Lingua Galega (ILG), botaron man de tecnoloxías de lingüística computacional e de Procesamento da Linguaxe Natural (PNL) para examinar a obra do poeta galego José Ángel Valente, referente da poesía en castelán do século XX.
En concreto, empregaron as ditas ferramentas para examinar o traballo do autor e “alumear os seus trazos estilísticos, as áreas temáticas e os seus patróns léxicos”. As concusións do estudo viron a luz os días pasados no Robinson College da Universidade de Cambridge, durante o congreso Inter-Varietal Applied Corpus Studies (IVACS).
Unraveling the Linguistic Tapestry: A Computational Exploration of José Ángel Valente’s Poetry é o título dun traballo que, segundo lembra a USC, constitúe a primeira análise computacional da poesía de Valente. “A nosa elección está motivada, por unha banda, pola transcendencia do poeta na literatura española do século XX a través da súa rica, variada e coherente produción artística, e, pola outra, pola ausencia de estudos interdisciplinarios similares: a obra do poeta foi amplamente estudada desde diferentes enfoques literarios, pero nunca ata o de agora dende unha perspectiva lingüística”, sinalan Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu.
O estudo afonda en cuestións como cales son os trazos estilísticos da poesía de Valente e como evoluciona a expresión estilística do poeta ao longo da súa carreira literaria; cales son os temas predominantes e como se expresan na poesía de Valente; ou como contribúen os patróns léxicos específicos (por exemplo, frecuencia de palabras ou patróns de colocación, entre outros) ao tecido temático e estilístico da obra do autor ourensán.
Tal e como relatan os especialistas, “na nosa exploración, utilizamos un conxunto de ferramentas de lingüística computacional e PNL, esforzándonos por ofrecer novas perspectivas sobre o corpus poético elixido”. Esta investigación representa unha incursión inicial na comprensión da complexa interacción entre a tecnoloxía da linguaxe e a análise literaria aplicada ás obras do poeta, coa esperanza de inspirar máis estudos interdisciplinarios no ámbito da poesía de Valente e máis aló.