Classora propón códigos QR para realizar concursos e votacións a través do móbil

mércores, 3 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Classora, a base de coñecemento desenvolvida en Galicia, que nos últimos meses agasallounos con aplicación para Facebook, aplicación para iPhone e móbiles Android, e mesmo coa posibilidade de inserir os seus rankings en páxinas web externas, continúa a avanzar no seu empeño de trasladar a súa plataforma máis aló da súa páxina web principal, e estre un sistema de códigos QR para a elaboración de concursos locais.
Esta nova solución permite que os interesados poidan deseñar unha votación popular (por exemplo, para elixir o mellor restaurante dunha vila), para que logo cada un dos participantes poida xerar unha páxina para a súa impresión na que figura a descrición do concurso, o nome da opción que quere promoverse e un código QR que actúa como ligazón para acceder dende dispositivos móbiles ao formulario de votación, no que haberá que incluír o nome, enderezo de e-mail e ano de nacemento do votante, para dificultar os votos fraudulentos, conseguindo así un sistema ideal para concursos deste tipo.
Os códigos QR están a popularizarse como o equivalente no mundo real a ligazóns web, xa que ao examinalos dende a aplicación correspondente cun smartphone podemos visitar a páxina web á que fai referencia, evitando teclear o seu enderezo nos incómodos teclados (físicos ou virtuais) dos móbiles, tendendo unha ponte entre a realidade e a Internet.

Exemplo de cartel que figuraría nun local que participase no novo sistema de votacións creado por Classora

PUBLICIDADE