Clan TV busca na puxante canteira galega novos proxectos de animación

xoves, 10 de febreiro do 2022 S. P.

Este 10 de febreiro celebrouse a primeira sesión anual de Galicia ProFilme, programa formativo da axencia AGADIC para impulsar novos proxectos e mercados entre a industria audiovisual galega. A cita, que foi na Cidade da Cultura, puxo o foco nas series infantís de animación. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, foi o encargado de abrir este encontro con Yago Fandiño, director de Clan e de Contidos Infantís de RTVE, no que se abordaron as claves da convocatoria da compañía pública para a co-produción de series infantís de animación.
Asistiron profesionais dalgunhas das principais empresas dedicadas a este xénero en Galicia que, como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, “contan xa con antecedentes de éxito na coprodución coa compañía pública estatal”, é o caso de Tutu, da produtora galega Ficción Producciones, primeira serie galega de animación en 3D.
Referiuse tamén “ao talento e capacidade” que conxugan os nosos profesionais da animación, como reflicten dúas das candidaturas aos Premios Goya 2022: Valentina, de Abano Producións con dirección de Chelo Loureiro, na categoría de mellor longametraxe de animación, e The Monkey, do realizador Xosé Zapata xunto a Lorenzo Degl’Innocenti, na de mellor curta de animación. Sutil aproveitou a presenza de ambos na sesión para felicitalos publicamente e desexarlles sorte na gala de entrega deste sábado.
Pola súa banda, Yago Fandiño afondou no funcionamento da convocatoria que RTVE mantén aberta ata o vindeiro 15 de marzo. A través dela, dixo, a compañía pública busca formatos atractivos de series de animación para idades de entre 0 e 14 anos, que acheguen novos enfoques e sensibilidades. Segundo fixo saber, valoraranse especialmente as propostas con personaxes carismáticos que xeren emocións, o humor inocente e sinxelo para o público máis pequeno e as referencias positivas á cultura popular para os máis maiores, así como a promoción de valores como a igualdade, o pensamento crítico, a convivencia, os hábitos saudábeis ou a protección do medio ambiente.

PUBLICIDADE