Civilization desembarca en Facebook

venres, 8 de xullo do 2011 Marcus Fernández

En 1991 MicroProse puxo á venda o xogo de estratexia Civilization creado por Sid Meier, que consistía en construír un imperio que se mantivese ao longo do tempo, gozando de grande aceptación por parte do público, o que levou á súa adaptación a múltiples plataformas e ao inicio dunha franquía que se mantivo viva todos estes anos e que esta semana dá un paso moi importante ao estrear a versión de proba de Civilization World, a transformación do popular xogo de estratexia a un título cun contorno persistente integrado Facebook ao máis puro estilo de FarmVille.
Aínda que os puristas poden aborrecer do xeito de que CIV chegue a Facebook, con este paso achégase a saga a un público que non a coñecía anteriormente e tamén permite que os afeccionados aos xogos de estratexia teñan unha opción de xogo máis que, pese a ser máis sinxela que os títulos de caixa, ao publicarse de balde na web (incorporando micro-transaccións para facer rendible economicamente o xogo) facilita as partidas curtas ou en distintos equipos, aproveitando tamén as compoñentes sociais para enganchar aos usuarios.
CivWorld entra así a competir con FarmVille e CityVille, pero aproveitando o vir dunha saga recoñecida, polo que é de agardar que sexa un éxito case instantáneo en Facebook, xa que aparte dos compoñentes tradicionais dos CIV, tamén conta coa posibilidade de colaborar con outros xogadores para fortalecer as nosas civilizacións.


Así é o novo Civilization World para Facebook

PUBLICIDADE