City Rush, o Crazy Taxi convertido en free-to-play

xoves, 31 de xullo do 2014 Marcus Fernández

O xogo Crazy Taxi de SEGA é todo un clásico que xa conta con versións para dispositivos móbiles dende hai tempo, respectando a mecánica do videoxogo orixinal, pero hoxe bota a andar unha revisión da súa fórmula, Crazy Taxi: City Rush, que supón a súa adaptación ao actual modelo do free-to-play, de xeito que temos un título para descargar de balde inicialmente na App Store (que en breve tamén chegará a Google Play) que basea o seu modelo de negocio na incorporación de publicidade (en vídeo e a pantalla completa) e micropagamentos (para mellorar o vehículo ou mercar taxis novos).
Este novo título, deseñado por Kenji Kanno, o creador do Crazy Taxi orixinal, desenvolveuse no Reino Unido por Hardlight (estudio detrás de Sonic Dash e Sonic Jump Fever) e muda completamente a mecánica do xogo pois, aínda que seguimos tendo que levar a clientes nun taxi, xa non se realizará un control de condución arcade con volante, acelerador, freo e marchas, senón que con pulsacións en pantalla cambiarase de carril, deterase o vehículo, collerase un desvío ou activarase o turbo, entre outras accións, de xeito que conséguese chegar a un público máis amplo (por reducir o nivel de habilidade preciso para poder gozar da acción).
Pero a cousa non remata aí, senón que agora o xogo non transcorrerá dun xeito continuo propio dos xogos de recreativa, senón que repartirase en misións, entre as que haberá desafíos especiais, como pode ser o percorrer as rúas nun tanque procurando causar os maiores estragos posibles. Toda unha revolución para un xogo que como principal reto ten estar a altura da súa franquía.


Trailer de lanzamento de Crazy Taxi: City Rush

No xogo poderemos superar misións bastante diferentes ao que estamos afeitos nun Crazy Taxi

PUBLICIDADE