Cisco presenta dúas innovadoras e manexables videocámaras de alta definición

xoves, 24 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A multinacional Cisco vén de presentar en España uns aparellos de gravación especialmente axeitados para quen desexe cumprir cos seguintes requirimentos no seu día a día de lecer electrónico: comodidade, deseño e calidade de imaxe. Segundo a compañía, as novas cámaras de Cisco son as que na actualidade achegan a gravación de vídeo máis nidia e estable de todo o mercado. Falamos das videocámaras Flip, nas súas modalidades Flip UltraHD e FlipMinoHD, ámbolos dous aparellos incluíndo un amplo abano de opcións para compartir imaxes e vídeos grazas ao software preinstalado FlipShare.
As cámaras, que recollen tamén a experiencia de Flip Video, están equipadas con estabilización de imaxe e unha resolución de 720 píxeles a 50 fotogramas por segundo achegándolles aos consumidores a posibilidade de tirar partido de vídeos de alta definición (HD) con independencia da opción elixida para velos ou compartilos: nun computador, na televisión en HD ou a través de cargas directas nas redes sociais. “Amais das ditas prestacións de calidade e estabilización”, informa Cisco, “Flip UltraHD achega un deseño máis estilizado polo que colle de xeito doado en calquera peto ou bolso, sendo unha videocámara máis delgada cá súa predecesora, até nun 25%, e poñendo en xogo unha duración de carga de arredor de dúas horas de vídeo”. Asemade, pode empregarse coa batería recargable que vén co produto ou con pilas de litio AAA.
Polo que atinxe aos trebellos Flip MinoHD, dicir que subministran entre unha e dúas horas de gravación, dependendo do modelo. A súa feitura é miúda e elegante, sinala Cisco, ao que cómpre engadir as excelentes calidades de imaxe de alta definición que achega.
Polo que atinxe ao sistema operativo, informar que integran a última versión de FlipShare 5.11, o programa compatible con computadores Windows e Mac, e que entre outras cousas posibilita “unha doada organización e creación de vídeos, amais de facilidades no intercambio dos mesmos mediante correo electrónico, sen necesidade de adxuntar o arquivo, ou cargándoo directamente nas redes sociais”. A maiores de todo isto, o software incorpora unha función chamada FlipShare Groups que mellora o manexo dos vídeos e o acceso aos mesmos a través de calquera navegador da Rede, ou ben mediante as aplicacións móbiles FlipShare Mobile Apps, dispoñibles para iPhone, iPad e dispositivos Android. No que se refire a prezos, o MinoHD de unha hora de gravación chega ao mercado a un custe de 149 euros, o MinoHD de dúas horas faino a 179 euros, ao igual que o Flip UltraHD de dúas horas de gravación. As videocámaras chegarán ás tendas, físicas e virtuais, a partir do mes de abril. Con todo, pódense facer reservas na Internet.

PUBLICIDADE