Cinfo presentará a súa revolucionaria tecnoloxía Tiivii na feira IBC de Amsterdam

venres, 13 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe comeza en Amsterdam a feira IBC, edición 2019, con toda probabilidade o evento das súas características (con empresas de todo o mundo dando a coñecer os seus achados en tecnoloxías aplicadas á televisión e o lecer) máis importante e referencial de Europa. Alí atópase estes días a empresa galega Cinfo, presentando os seus innovadores sistemas para tirar proveito dos metadatos e máis as posibilidades de Tiivii, a súa tecnoloxía accesíbel destinada á produción de eventos na nube asistida con Intelixencia Artificial. Cinfo acode á cita por cuarto ano consecutivo.
A feira celébrase no recinto RAI en Ámsterdam, até o 17 de setembro. A empresa galega, con sede de seu na caseta D35 do pavillón 14, viaxou á IBC co obxectivo de explicar as posibilidades da súa devandita tecnoloxía de vídeo na nube, que “reduce os tempos e o investimento económico que require calquera produción audiovisual” e que pon en xogo, para a retransmisión de eventos deportivos, “unha ferramenta automática capaz de gravar, realizar e emitir sen intervención humana”.
Cinfo tamén fará fincapé no potencial do seu sistema para “realizar un concerto que se está a celebrar a milleiros de quilómetros de distancia, grazas á mesa de realización que se pode operar a través de Internet”. Asemade, porá o foco no revolucionario proceso aberto no audiovisual pola Intelixencia Artificial ou a análise de información a gran escala (Big Data), que “dan perfecta resposta ás moitas necesidades das empresas e as administracións públicas en materia de fornecemento de contidos”.

PUBLICIDADE